#LINGUA
Premio Castelao de Textos Teatrais
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos, convoca o II Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra como continuación da homenaxe iniciada en 2025 ao escritor e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 75 aniversario da súa morte.
A celebración no 2025 do Ano Castelao, en homenaxe ao gran referente da cultura, a política e a identidade galega, foi unha oportunidade para recoñecer, divulgar e poñer en valor o seu legado. Castelao tivo unha importancia fundamental e pioneira no ámbito da creación teatral en galego; a súa achega, coa obra Os vellos non deben de namorarse, marcou un antes e un despois na historia do noso teatro.
Coincidindo con esta conmemoración, e coa intención de impulsar a creación teatral e de darlle visibilidade e difusión ao teatro galego, a Deputación de Pontevedra convocou cun enorme éxito o Premio Castelao de Textos Teatrais.
Este ano, de novo co obxectivo de fomentar, apoiar e mellorar a calidade e a creatividade das escritoras e escritores, ademais de promover o talento e o potencial literario da nosa provincia, convócase unha nova edición do certame, de acordo coas seguintes bases: