A Estación Fitopatolóxica Areeiro lembra que non se deben aplicar tratamentos nas viñas e noutros cultivos os días con vento

A Estación vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que tamén recalca a importancia de realizar labores de roza na vexetación do solo das viñas 

21/04/2022

 

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no fai unha especial incidencia na necesidade de evitar tratamentos nas viñas e noutros cultivos nos días con vento. Así mesmo, lembra que é fundamental realizar labores de roza da vexetación do solo das viñas. No seu aviso a Estación tamén fai referencia ao mildio e á bolboreta do buxo.

Máis polo miúdo, a EFA lembra no seu aviso que non se debe aplicar calquera tipo de tratamentos en días de vento como os das últimas xornadas. Do mesmo xeito, pon o aceno na importancia que ten realizar labores de roza da vexetación do solo xa que contribúen a reducir a humidade na contorna das vides e son fundamentais para reducir danos por patóxenos como o mildio, do que aínda non se detectou ningún síntoma.

A Estación sinala que o desenvolvemento dos predios segue a ser moi diferente mesmo dentro da mesma parcela con viñas que só teñen máis ou menos desenvolvidos os gromos terminais das varas e outras nas que están máis crecidos. No aviso tamén se destacan outras incidencias na viña como síntomas de erinose -que non hai que tratar aínda que estean distribuídos por case todas as viñas- e de caracois. Por último, en relación á bolboreta do buxo se seguen a atopar algunhas eirugas pero aínda non crisálidas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 12 resultados.