17 MAIO
2026
DÍA DAS LETRAS GALEGAS

“De Circe, filla de Helios e Perseis, señora de Eea, a Penélope, soberana de Ítaca, prezada entre os dánaos; aquela cuxa prudencia e sabedoría son veneradas ao longo de todo o Ponto.”
Circe ou o pracer do azul (2009)
Begoña Caamaño Rascado
(Vigo, 1964–Santiago de Compostela, 2014)
Foi escritora, xornalista e activista comprometida co seu tempo. Estudou Maxisterio, aínda que non chegou a exercer, xa que comezou a traballar moi nova na emisora Radio Noroeste. Máis adiante desenvolveu a súa traxectoria profesional na COPE e, finalmente, na Radio Galega, compaxinando esta actividade con colaboracións en publicacións como El Sol, A Nosa Terra ou Ar! Defendeu de maneira incansable o feminismo, o ecoloxismo e o pacifismo, e participou activamente en diversos movementos culturais e sociais. A súa obra destaca por outorgarlles ás mulleres un papel central, converténdoas en protagonistas e ofrecendo unha reinterpretación crítica e renovadora de obras clásicas.
GRANDES ÉXITOS

Circe ou o pracer do azul (2009)
É unha obra que xorde dunha reescritura da mitoloxía grega na que as protagonistas son a deusa Circe e Penélope, raíña de Ítaca. Preséntanse como dúas mulleres libres, independentes e con poder propio, afastadas dos estereotipos tradicionais. Ao longo da obra coñecemos as súas inquedanzas, reflexións e vivencias, que ofrecen unha nova ollada sobre estes personaxes clásicos e reivindican o seu papel na historia.
Morgana en Esmelle (2012)
Nesta reinterpretación do mito artúrico, as mulleres volven ocupar o centro da narración a través da figura de Morgana, presentada cunha nova profundidade e protagonismo. A obra constitúe, ademais, unha homenaxe a un dos seus escritores predilectos, Álvaro Cunqueiro, referente fundamental na súa formación literaria.
“Meu nome é Morgana... a irmá do rei. A sabia, a druída. A meiga. A fada. A bruxa...”

No momento da súa prematura morte estaba a escribir unha obra na que ía reinterpretar a historia de Sherezade en As mil e unha noites.