O Encontro de Conservación e Restauración do Museo reunirá a preto de 200 persoas para falar de novas tendencias en deseño e xestión das salas de reserva
A 11ª edición do encontro celébrase estes xoves e venres no Edificio Castelao
22/11/2022
O Museo de Pontevedra reunirá esta semana a preto de 200 profesionais e estudantes dos ámbitos da museoloxía e a conservación de bens patrimoniais no XI Encontro de Conservación e Restauración. Será os días 24 e 25 de novembro no Edificio Castelao, centrado este ano na conservación preventiva, co lema ‘Deseño e xestión das salas de reserva. Onde comeza a conservación’.
O encontro consolídase como unha cita de referencia no ámbito peninsular, ao que asistirán profesionais de museos, entidades públicas e empresas de conservación e restauración, ademais de estudantes en formación, chegadas de diferentes puntos de España e Portugal. O evento está organizado polo Museo e a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
Nos últimos anos os museos están a prestar unha atención crecente ás reservas da colección, que están a ocupar unha posición central nas inquietudes das e dos profesionais da museoloxía. A necesidade de contar con espazos de almacenamento mellor dotados e organizados está relacionada coa procura dunha xestión más eficiente, sostible e responsable dos museos, pero tamén cunha vontade de dar visibilidade á maior parte da colección.
Nesta dinámica, emerxeron iniciativas pioneiras que marcan o camiño sobre cuestións como o deseño ex novo de salas de reserva, a reorganización funcional das existentes, a creación de reservas visitables ou a emerxencia de centros de depósito de coleccións patrimoniais que dan servizo a varias institucións. Estes son aspectos e propostas que se coñecerán a fondo e se debaterán en Pontevedra, coa presenza de representantes de institucións de referencia nos ámbitos estatal e internacional que falarán de experiencias desenvolvidas nos últimos anos nesas entidades.
As conferencias de Bart Ankersmit da Axencia do Patrimonio Cultural dos Países Baixos e de Hélène Anton, do Centro de Conservación e estudo de Lorraine (Francia) ofrecerán a perspectiva de iniciativas destacadas en Europa. As persoas que asistan ao encontro tamén poderán coñecer como xestionan os seus fondos museos de referencia en España, como o Reina Sofía, o Museo Arqueológico de Alicante, o Museu d’Història de Barcelona e o Museo de Málaga.
A estratexia de sostibilidade posta en marcha en Gipuzkoa coa creación do centro Gordailua tamén será obxecto dunha conferencia. A representante do Centro de Restauració de Béns Mobles de Catalunya presentará as características do sistema de xestión de salas de reserva RE ORG. E empresas do sector como Albayalde conservatio e EUN Group exporán claves sobre o deseño e xestión dos espazos de almacenamento de fondos museísticos.
Ademais, o público asistente terá a oportunidade de coñecer mellor o Museo con dúas visitas: á colección permanente no Edificio Castelao e ao convento de Santa Clara, que se converterá en breve no sétimo edificio do Museo.
