A Deputación amplía o marco de actuación en Igualdade nos tres anos de goberno, espallando actividades en todo o territorio “con todas e para todas”
Nestes tres anos de goberno de Luis López na institución provincial mellorouse cualitativa e cuantitativamente a convocatoria de subvencións a concellos e entidades de iniciativa social para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero
20/07/2026
A Deputación de Pontevedra amplía o marco de actuación en Igualdade nos tres anos de goberno, espallando actividades en todo o territorio “con todas e para todas”. O presidente provincial Luis López subliñou que “había moito interese dalgúns en que as nosas políticas de igualade fracasaran. Que lonxe quedan. Os feitos e non o marketing, como sempre, acabaron falando por si mesmos”. Nestes tres anos, entre outras moitas cuestións, mellorouse cualitativa e cuantitativamente a convocatoria de subvencións a concellos e entidades de iniciativa social para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero, creouse o Ateneo Provincial pola Igualdade e puxéronse en marcha os Premios ás Boas Prácticas en Igualdade.
A deputada Paula Bouzós remarcou que “témonos convertido nun referente no ámbito da Igualdade e neste tempo, demostramos que se pode avanzar na construción dun mundo igualitario e xusto desde o diálogo e o consenso”. Ao respecto, destacou a consolidación dun modelo máis próximo e avanzou que “estamos dando pasos cara adiante para construír unha sociedade igualitaria, na que homes e mulleres teñamos as mesmas oportunidades”.
As axudas para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero dirixidas a entidades sociais medraron un 37,5% e tamén medrou un 27,5% o número de proxectos financiados. Ademais, neste tempo puxéronse en marcha convenios de colaboración con entidades de iniciativa social de referencia na provincia como ADICAM, Libélulas, ACADAR ou FEMUPO.
No que respecta aos concellos, incrementouse o importe máximo por proxectos, para chegar aos 7.000 euros e contemplouse a contratación de persoal empregado público especialista en materia de igualdade para impulsar proxectos neste ámbito. Do mesmo xeito, o programa +Xuntas tamén rexistrou un incremento do orzamento dun 5%, adiantando o inicio das accións programadas para cada ano ao mes de maio.
Ademais, o compromiso do equipo de goberno coa Igualdade como eixo vertebrador das políticas da institución provincial vese reflectido nas diferentes actividades postas en marcha desde todos os servizos de xeito transversal, ás que se suman as numerosas iniciativas lideradas polo Servizo de Igualdade, que mantén unha intensa programación que constitúe os alicerces sobre os que se asentan as bases para unha sociedade igualitaria. Entre elas destacan o Ateneo Provincial pola Igualdade, desde o que se puxeron en marcha programas como Mulleres de palabra(s) ou, entre outras moitas actividades, o concurso escolar E ti, que pensas da igualdade?
