IGUALDADE

CONCURSO ESCOLAR 8M 2024

E Ti, que Pensas da Igualdade?

Esta iniciativa nace coa intención de fomentar a creatividade e o pensamento crítico, así como de analizar a situación das mulleres e dos homes na nosa sociedade.


Un espazo que, ademais de promover a reflexión, sirva de altofalante para a nosa mocidade e de canal de visibilización do seu talento creativo desde diferentes disciplinas, coma a poesía, o debuxo, a música e o audiovisual.

Trátase de favorecer un espazo para a mocidade nun tema crucial para a nosa sociedade: a igualdade de oportunidades real e efectiva de mulleres e homes.

Búscase afondar nos novos retos aos que nos enfrontamos mediante diferentes propostas de participación, nas que a mocidade deberá contar a súa opinión e o seu sentir, e propoñer desde a súa mirada posibles solucións aos novos desafíos presentes no día a día.

CONVOCATORIA

A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha un concurso dirixido a toda a rapazada e mocidade da provincia de Pontevedra coa intención de amosarlle ao mundo, mediante diversas disciplinas artísticas, cal é a súa visión da nosa provincia sobre a igualdade de oportunidades de mulleres e homes.

Co obxectivo de incentivar na cativada e na mocidade este pensamento crítico e de sensibilizalas sobre a importancia de acadar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e o rexeitamento claro da violencia de xénero, ao tempo que se fomenta a súa creatividade, desde a Deputación de Pontevedra ponse en marcha o concurso E Ti, que Pensas da Igualdade?

A convocatoria está dirixida a todo o alumnado de educación primaria, educación especial e secundaria (ESO, bacharelato e FP básica ou de grao medio) dos centros de ensino da provincia de Pontevedra, o cal poderá participar elaborando as súas creatividades nas diferentes disciplinas segundo a categoría.

Cada obra deberá basearse no rexeitamento de todo tipo de violencia exercida sobre as mulleres e no reto de acadar unha igualdade de oportunidades real e efectiva entre mulleres e homes.

Valoraranse a creatividade, a orixinalidade e as creacións propias.

Nesta ocasión queremos que as e os participantes falen en primeira persoa; a arte será o altofalante dos seus pensamentos, demandas e denuncias. Que é para ti a igualdade?, xa conseguimos a igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes?, que cambiarías?, como imaxinas unha sociedade libre de machismo?

Cando pensas en igualdade, que é o primeiro que che vén á cabeza? Dálle unha volta!

Unha imaxe vale máis que mil palabras: busca a túa faceta artística e participa! A igualdade é cousa de todas e todos. Non quedes atrás, súmate a esta onda. Sumando cara á igualdade gañamos todas e todos.

Categorías

Primaria

A: 1.º e 2.º curso

  • Individual: Debuxo/Colaxe
  • Grupal: Conto

B: 3.º e 4.º curso

  • Individual: Debuxo/Colaxe
  • Grupal: Conto

C: 5.º e 6.º curso

  • Individual: Banda deseñada/Viñeta
  • Grupal: Videopoesía
Educación especial
  • Individual: Debuxo/Colaxe
  • Grupal: Conto
Secundaria

A: ESO

  • Individual: Banda deseñada/Viñeta
  • Grupal: Canción

B: Bacharelato e FP básica ou de grao medio

  • Individual: Banda deseñada/Viñeta
  • Grupal: Podcast

 

COMO PARTICIPAR

A participación será tanto a título grupal coma individual. Nas categorías individuais, cada concursante poderá presentar unha única proposta. Unha persoa responsable do centro educativo, unha mestra ou un mestre ou a Dirección do centro presentará cada unha das obras, que, nas categorías individuais, estarán identificadas co nome da persoa participante, co curso e co nome do centro, mentres que, nas grupais, co nome da titora ou titor e cos datos identificativos do centro.

Aqueles traballos que non estean claramente identificados poderán ser descualificados.

As pezas deberán ser orixinais e inéditas.

Xunto coa obra, a persoa autora deberá achegar unhas liñas que describan que a levou a realizar esa peza e que significa para ela.

INSCRICIÓN

As obras enviaranse en formato PDF, JPG ou mediante enlace de descarga ao correo electrónico participa.igualdade@depo.gal

PREMIOS

Primaria

Para cada categoría

  • 1.º PREMIO
    • Para o centro gañador: unha actuación musical
    • Para a persoa gañadora: unha tableta
  • 2.º PREMIO
    • Para o centro gañador: unha sesión de contacontos
    • Para a persoa gañadora: unha cámara de fotos Polaroid
  • 3.º PREMIO
    • Para o centro gañador: un lote de material didáctico
    • Para a persoa gañadora: un agasallo didáctico
Educación especial
  • 1.º PREMIO
    • Para o centro gañador: unha actuación musical
    • Para a persoa gañadora: unha tableta
  • 2.º PREMIO
    • Para o centro gañador: unha sesión de contacontos
    • Para a persoa gañadora: unha cámara de fotos Polaroid
  • 3.º PREMIO
    • Para o centro gañador: un lote de material didáctico
    • Para a persoa gañadora: un agasallo didáctico
ESO
  • 1.º PREMIO
    • Para o centro gañador: unha actuación musical
    • Para a persoa gañadora: un ordenador portátil
  • 2.º PREMIO
    • Para o centro gañador: un obradoiro de banda deseñada ou videocreación
    • Para a persoa gañadora: unha tableta
  • 3.º PREMIO
    • Para o centro gañador: un obradoiro de banda deseñada ou videocreación
    • Para a persoa gañadora: un agasallo didáctico
Bacharelato e FP básica ou de grao medio
  • 1.º PREMIO
    • Para o centro gañador: unha actuación musical
    • Para a persoa gañadora: un ordenador portátil
  • 2.º PREMIO
    • Para o centro gañador: un encontro cunha xornalista galega
    • Para a persoa gañadora: unha tableta
  • 3.º PREMIO
    • Para o centro gañador: un obradoiro de banda deseñada
    • Para a persoa gañadora: un agasallo didáctico

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS

Os traballos poderanse presentar ata o 19 de abril.

Os traballos finalistas exporanse virtualmente na páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal) e recompilaranse nun soporte divulgativo que se distribuirá por todos os centros educativos da provincia de Pontevedra.