A Deputación e o Concello de Ribadumia avanzan na urbanización da rúa Condesa de Barrantes cun orzamento de 700.000 euros

Está xa asinado o convenio polo que a institución provincial achega o 70 % do orzamento da actuación, preto de 500.000 euros, e o Concello, o 30 % restante

01/09/2023

rolda prensa barrantes

A Deputación de Pontevedra acaba de asinar o convenio de colaboración co Concello de Ribadumia para levar a cabo o proxecto de urbanización da rúa Condesa e crear áreas de estacionamento en Barrantes, concretamente na EP-9506, entre a localidade e Vilariño. Así o informou en rolda de prensa o presidente da Deputación, Luis López, que lembrou que o convenio para acometer esta actuación “foi aprobado no mes de agosto” e coa súa sinatura “avanzamos neste importante proxecto de urbanización que vai transformar o núcleo urbano desta vila do Salnés”.

A obra ten un orzamento de 704.483 euros, dos que a Deputación achega o 70 %, é dicir, preto de 500.000 euros, e o Concello de Ribadumia, o 30 % restante. A actuación abrangue un tramo duns 300 metros no treito inicial da estrada provincial, en pleno centro urbano de Barrantes, que permitirá mellorar a seguridade e a mobilidade. “É un punto no que conflúe moita xente, pois nel localízanse o colexio, o campo de fútbol e o pavillón”, explicou Luis López.

A reforma deste tramo de estrada provincial entre Barrantes e Vilariño consistirá en modificar o trazado da rúa e instalar beirarrúas máis amplas de formigón coloreado; tamén se crearán zonas de estacionamento para darlles servizo a autobuses que acceden ás instalacións deportivas da contorna, construirán pasos de peóns sobreelevados e instalarán redes de telecomunicacións e drenaxe. Por último, o proxecto contempla a execución de zonas axardinadas, a instalación de mobiliario urbano e a colocación da sinalización horizontal e vertical deste treito.