A Deputación aproba as bases para destinar 250.000 € a entidades deportivas para organizar campionatos, eventos e actividades

As axudas contan con dúas liñas centradas na organización de campionatos internacionais e estatais e na celebración de competicións oficiais e non oficiais de todos os ámbitos territoriais

05/03/2022

Xunta de Goberno

No marco da firme aposta pola promoción da práctica deportiva na provincia, o impulso ao desenvolvemento social e a mellora da calidade de vida da cidadanía, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases para destinar 250.000 €, por concorrencia competitiva a entidades deportivas da provincia para organizar campionatos, eventos e actividades.  “Somos a administración que máis apoia ao deporte na provincia e isto nótase moito, xa que os maiores éxitos deportivos de Galicia estanse a dar nesta provincia”, asegurou a presidenta Carmela Silva.

As subvencións cuxas bases vén de aprobar o Goberno da institución provincial contan con dúas liñas de axudas, tal e como detallou a presidenta. A primeira delas, cun orzamento de 120.000 €, está destinada á realización de competicións deportivas oficiais, de ámbito estatal ou internacional federadas, con denominación de campionato ou copa de España, Europa ou do Mundo. A segunda delas, cun orzamento de 130.000 €, vai dirixida á realización de competicións oficiais e non oficiais de todos os ámbitos territoriais, sexan ou non federadas.

O pasado ano beneficiáronse destas subvencións 156 entidades e clubs que puideron organizar probas deportivas en 36 concellos da provincia como o Campionato de España de Bolo Celta, o Campionato de España de Clubs Infantís Femininos, o Campionato de España de Bádminton sub 17, a Copa de España de Slalom Olímpico, open de xadrez, festivais de windsurf, rutas BTT, rallys, torneos de tenis de mesa ou regatas de traiñeiras, entre outros.

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.