A Deputación aproba as primeiras achegas do Plan +Provincia: 800.000 € para que sete concellos contraten a 81 persoas desempregadas

“En menos dun mes desde que abrimos o prazo para solicitar fondos do +Provincia, estamos xa a destinar recursos aos concellos para seguir dando pasos nese modelo de pontes tendidas e de avance para o conxunto da provincia”, asegurou Luis López

02/02/2024

Foto da xunta de Goberno

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as primeiras achegas do Plan +Provincia: 802.000 euros para que os concellos de Arbo, Fornelos de Montes, A Lama, Moraña, Poio, Pontecesures e Soutomaior contraten a 81 persoas desempregadas para a conservación e o funcionamento de bens e servizos municipais. “En menos dun mes desde que abrimos o prazo para solicitar fondos do Plan +Provincia —asegurou o presidente Luis López— estamos xa a destinar recursos aos concellos para seguir dando pasos nese modelo de pontes tendidas e, en xeral, de avance para o conxunto da provincia”.

Ao detalle, tal e como explicou o presidente, o concello de Arbo recibirá 98.000 euros para contratar 13 persoas desempregadas, que traballarán como peoas ou peóns forestais (9), operarias/os de servizos xerais (2) e no servizo de Axuda no Fogar (2). Pola súa banda, Fornelos de Montes beneficiarase de 90.000 euros para contratar 9 persoas que ocuparán os postos de condutoras/es (5), limpadoras/es (2), oficial/a tractorista (1) e socorrista (1). Tamén serán 9 as persoas que contrate A Lama, con 111.000 euros da Deputación de Pontevedra, para executar tarefas de peoa ou peón forestal (4), operarias/os (3), peoa ou peón de limpeza (1) e auxiliar administrativa/o (1).

Pola súa banda, Moraña recibirá 104.500 euros ao abeiro da liña 3 do Plan +Provincia para contratar 7 persoas desempregadas que ocuparán os postos de peoas ou peóns forestais (4), peoa ou peón transportista (1), monitor/a de servizos á comunidade (1) e tractorista (1). Poio, con 200.000 euros, contratará 19 persoas como limpadoras/es (4), operarias/os de servizos múltiples (3), subalternas/os (2), técnicas/os de turismo (2), condutoras/os (2), oficiais electricistas (2), peoas ou peóns de obras públicas (2), traballador/a social (1) e auxiliar de clínica (1).

Pontecesures contratará 5 persoas con 82.000 euros da Deputación para traballar como peoas ou peóns de obra pública (2), arquitecta/o (1), limpador/a (1) e auxiliar de xardinería (1). Finalmente, Soutomaior recibirá 119.000 euros ao abeiro da liña 3 do Plan +Provincia para contratar 19 persoas desempregadas, que ocuparán os postos de peoas ou peóns forestais (10), varredoras/es (4), oficialas ou oficiais albaneis (3), auxiliar administrativa/o (1) e auxiliar de biblioteca (1).

O presidente da Deputación de Pontevedra recordou que o Plan + Provincia, destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, está dotado con 48,2 millóns de euros e distribuído en catro liñas: a liña 1, centrada en investimentos, con 33,74 millóns de euros; a liña 2, de amortización de débedas, con 4 millóns de euros; a liña 3, para activación de emprego, con 9,25 millóns de euros; e a liña 4, novidosa, para redactar proxectos de transformación da mobilidade en zonas rurais e urbanas, dotada con 1,2 millóns de euros.