A Deputación destina máis de 1,2 millóns de euros para que cinco concellos da provincia contraten 89 persoas e afronten gasto corrente

Benefícianse destes recursos os concellos da Illa de Arousa, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa

16/02/2024

Rolda de prensa de Luis López

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno que se destinen máis de 1,2 millóns de euros para que sete concellos da provincia contraten 89 persoas e poidan afrontar gasto corrente ao abeiro da liña 3, de activación do emprego, e 2, de gasto corrente, do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Illa de Arousa, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.  “Concedemos xa 4,3 millóns de euros aos concellos baixo o paraugas do +Provincia, o  programa récord de obras e servizos, dotado con 48,2 millóns de euros, para tender pontes cos concellos de menos de 50.000 habitantes e facer que o motor da provincia siga funcionando”, asegurou o presidente provincial, Luis López.

No marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno aprobou preto dun millón de euros para que os concellos de Sanxenxo, Tomiño, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa poidan contratar 89 persoas desempregadas. Ata o de agora aprobáronse preto de 4,1 millóns de euros para 27 concellos da provincia, o que supón o 44,24 % do orzamento global da liña de activación de emprego, que ascende a 9,25 millóns de euros.

Deste xeito, Vilagarcía de Arousa recibirá 284.000 euros para contratar 35 persoas desempregadas que traballarán como peoas axudantes albaneis (14), peoas pintoras (5), peoas traballadoras de conservación de parques (4), peoas instaladoras electricistas (4), peoas forestais (4), peoas mantedoras de instalacións deportivas (2), peoa condutora operadora de retroescavadora (1) e peoa fontaneira (1). No caso de Tomiño, serán 266.000 euros para 20 persoas, que se encargarán de executar tarefas de peoas de xardinería (11), traballo social (2), condutoras de retroescavadora (2), instaladora electricista (1), técnica administrativa (1), mecánica (1), soldadora (1), peoa da construción (1) e enxeñeira técnica forestal (1). 

Pola súa banda, Sanxenxo destinará 245.000 euros para que 21 persoas traballen como auxiliar administrativa (7) e peoas de obras públicas (14); Vilaboa beneficiarase de 110.000 euros do Plan +Provincia para contratar 7 persoas desempregadas para desempeñar postos de traballo como albaneis (3), operarias de maquinaria forestal (2) e peoas forestais (2); e Vilanova de Arousa, 87.000 euros para 6 persoas como guías de turismo (2), albanel (1), mantedora de edificios (1), tractorista (1) e limpadora (1).

No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente da Deputación informou que a Xunta de Goberno acaba de aprobar as primeiras achegas para concellos que, neste caso, ascenden a 193.000 euros e irán dirixidas á Illa de Arousa e Tui. A Illa de Arousa recibirá 97.000 euros para o servizo de recollida de lixo, xestión do punto limpo e limpeza da escola infantil e do Colexio A Torre; e Tui, 96.000 euros para as festas patronais de San Telmo.

audios