A Deputación aproba en Pleno o convenio co Concello de Pontevedra para remodelar o perímetro da praza de Barcelos

O acordo suporá a inxección de máis de dous millóns de euros para substituír a actual zona de lastros e crear un ámbito de preferencia peonil

25/03/2022

A Deputación aprobou hoxe en Pleno o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para levar adiante as obras de remodelación do viario do perímetro da Praza de Barcelos. Trátase dun acordo polo que o ente provincial inxectará ao concello da capital 2.071.876 euros para substituír a actual zona de lastros e crear un ámbito de preferencia peonil, “unha intervención que permitirá unha reorganización do espazo público acorde cos principios e criterios da rede Ágora, dotándoo dunha maior seguridade e accesibilidade”.

Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, o convenio circunscríbese na colaboración que a Deputación fai de maneira específica cos concellos de Vigo e Pontevedra por non entrar nas liñas de subvencións. Destacou que o goberno local do Lérez decidiu investir parte dos fondos provinciais que lle corresponden nestas obras, entre outras cousas, por ter relación co convento de Santa Clara que ademais previsiblemente pasará a formar parte do Museo de Pontevedra.

O nacionalista apuntou que as obras son necesarias posto que logo de que construír o estacionamento soterrado hai case un cuarto de século, a praza foi remodelada, pero non así o seu perímetro, que leva “moitísimos anos sen refacer e xa é oportuno”. Así, a Deputación fará a súa achega en dúas anualidades: 1.208.594,33 euros no exercicio de 2022 e outros 863.281,67 euros en 2023 para financiar integramente as obras.

A obra terá un prazo de execución de doce meses e previsiblemente comezará no verán, posto que o Concello pontevedrés ten xa en marcha a adxudicación. O novo perímetro da praza está concibido para favorecer os usos comerciais cunha ampliación das beirarrúas; os aparcamentos de servizos quedarán situados na banda contraria aos negocios; e o tráfico manterase cun único carril de entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e de saída cara a rúa Cobián  Roffignac, suprimindo a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño,  conservando as actuais entradas e saídas do aparcamento soterrado.