A Deputación conmemora o 8M baixo o lema “Seguimos con todas e para todas”, cun acto institucional no Pazo provincial con Fillas de Cassandra

O acto central da programación da institución provincial polo Día Internacional da Muller terá lugar ás 11:00 horas deste venres. A presidenta da Asociación de Empresarias de Galicia, Susana Pérez, lerá o manifesto institucional

07/03/2024

O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra será o escenario do acto central promovido pola institución provincial para conmemorar o 8M, no que actuarán Fillas de Cassandra. Será ás 11:00 horas, baixo o lema “Seguimos con todas e para todas”, e nel a presidenta da Asociación de Empresarias de Galicia, Susana Pérez, será a encargada de ler o manifesto institucional.

No acto, que está aberto a toda a cidadanía de Pontevedra, daranse cita, ademais do presidente e a responsable de Igualdade, Sandra Bastos, o resto de deputadas e deputados do Goberno, así como persoal da institución provincial. Tras as intervencións, terá lugar un acústico do grupo vigués Fillas de Cassandra, que interpretarán en directo as cancións As Moiras, A veciña do cuarto, Antígona e Tataravoa.

Ademais, a xornada do 8 de marzo comezará coas sedes da Deputación en Pontevedra e en Vigo alumeadas de morado, unha iluminación que se acenderá esta noite e que permanecerá ata a mañá do vindeiro luns, 11 de marzo. Por outra banda, os edificios lucirán lonas e paneis deseñados para a ocasión pola ilustradora e ceramista Abi Castillo, cunha imaxe que reflicte unha muller “apoderada, madura e con amplos brazos para acoller xeracións presentes e futuras”.