A Deputación de Pontevedra apela á unión para acadar a igualdade na conmemoración do 8M coa voz da empresaria Susana Pérez e a música de Fillas de Cassandra

O presidente provincial, Luis López, cualificou de “referente” o labor do Servizo de Igualdade e agradeceu o traballo de todas as mulleres da provincia

08/03/2024

8M 2024

A Deputación de Pontevedra conmemorou este venres 8 de marzo o Día Internacional da Muller cun acto no vestíbulo do Pazo provincial no que a presidenta da asociación Empresarias de Galicia, Susana Pérez Iglesias, encargouse de ler o manifesto e o grupo Fillas de Cassandra, de poñer a música a esta xornada para reivindicar a igualdade entre mulleres e homes. O presidente provincial, Luis López, abriu o acto cunha breve intervención na que fixo "un chamamento á unión porque, se esta ponte cara á igualdade a cruzamos xuntas, chegaremos antes á meta".

Antes de cederlle a palabra á Susana Pérez, o presidente da Deputación quixo recoñecer o labor de todas as mulleres que traballan a diario para construír unha provincia e unha sociedade máis xustas e igualitarias. Neste sentido, López agradeceu o traballo da deputada de Igualdade, Sandra Bastos, "que leva toda a vida traballando por unha igualdade ampla, cómplice e aberta". Tamén puxo en valor o traballo de todo o Servizo de Igualdade, ao que "ningunha crítica interesada e inxustificada vos vai quitar a bitola de referentes". Do mesmo xeito, estendeu o seu agradecemento a todas as traballadoras da Deputación e a todas as mulleres da provincia.

"A igualdade debilítase coa confrontación e vólvese poderosa cando existe unión, unión de mulleres e homes, unión de empresa e institucións, unión de empresarias e traballadoras", comezou Susana Pérez a pronunciación do seu manifesto. Un discurso no que denunciou que na actualidade aínda seguen existindo situacións discriminatorias para a muller. "Aínda que as mulleres representan o 58 % do total das persoas licenciadas, aínda temos unha baixa representación en todos os niveis e a diferenza é aínda máis alta nos postos de maior responsabilidade. A presenza de mulleres nos consellos de administración apenas alcanza o 19 % e só o 11 % nos comités executivos", ilustrou a portavoz deste colectivo de mulleres empresarias.

Na súa intervención, a empresaria referiuse tamén a todas aquelas persoas, homes e tamén mulleres, que aínda hoxe poñen en dúbida a falta de igualdade. "No noso día a día seguímonos atopando con malos xestos cando falamos de igualdade; cando pedimos o noso espazo, a pregunta máis escoitada é: realmente non tedes igualdade? Pois non, rotundamente, non", exclamou. Por iso, reclama que "as nosas reivindicacións non poden ser entendidas como unha guerra, senón como a única alternativa para lograr unha sociedade máis xusta. Só conseguiremos este obxectivo con todas as persoas, mulleres e homes, comprometidas coa igualdade, pois entendemos que unicamente existe avance posible se camiñamos xuntos", insistiu Pérez Iglesias.

"Nun mundo en constante cambio non queremos ser meras observadoras", afirmou Susana Pérez, antes de describir o papel das mulleres na sociedade. "A muller é coñecemento, é creatividade, é dedicación, constancia, vontade e, indubidablemente, a muller é comercio, a muller é industria, a muller é innovación, sustentabilidade, emprendemento, organización e execución. En definitiva, a muller é empresa e a muller é economía. Obviar o 52 % da poboación é desperdiciar máis da metade do talento do noso país", alegou.

A presidenta da asociación Empresarias de Galicia concluíu o seu manifesto cunha invitación: "debemos convidar a sociedade a reflexionar e a que actúe en prol da equidade e do recoñecemento da muller, axente chave na construción dun futuro inclusivo e próspero. Somos cada vez máis as mulleres que nos poñemos á fronte das nosas vidas, das nosas empresas e do noso país".

A remuda tomárona Fillas de Cassandra, que, coas súas letras reivindicativas e cos seus ritmos pegadizos, lle puxo o ramo a este acto de conmemoración do Día Internacional da Muller, que reuniu no vestíbulo do Pazo provincial preto de medio centenar de persoas que acompañaron con palmas e aplausos a interpretación de cancións coma Lisístrata ou Tataravoa.

"Esta Deputación seguirá sendo un socio leal neste camiño cara á igualdade e na loita contra a violencia machista", reafirmou Luis López o compromiso do Goberno provincial co movemento feminista.

Galerias de imagenes

videos