A Deputación disporá de 2,5 millóns do plan de recuperación para avanzar na transformación dixital dos concellos da provincia

A proposta inclúe a creación dun mínimo de 1000 novos postos de traballo intelixente para as empregadas/os públicos e inversións para achegar á cidadanía a actuación municipal por medio de apps de comunicación de incidencias, visores de transparencia ou plataformas de implementación dos ODS e a Axenda 2030.

22/10/2022

A Deputación de Pontevedra atópase en proceso de preparación dunha proposta para presentar ás subvencións destinadas á transformación dixital e modernización das entidades locais. No marco desta convocatoria, que está dentro das liñas de financiamento do Plan de Recuperación, a administración provincial disporá de máis de 2,5 millóns de euros, cos que se poderán realizar actuacións en concellos de menos de 20.000 habitantes. Entre os obxectivos destas axudas, destaca a mellora da accesibilidade dos servizos públicos dixitais a cidadanía e empresas, a redución da fenda dixital, a mellora da eficiencia e eficacia das e dos empregado públicos, a reutilización dos servizos e solucións dixitais construídas ou a utilización activa das tecnoloxías emerxentes no despregamento de novos servizos dixitais.

Deste xeito, os fondos dos que disporá a Deputación permitirán consolidar a posición de vangarda da provincia na dixitalización da Administración Local coa creación de, como mínimo, ata 1000 novos postos de traballo intelixente para as empregadas/os públicos, favorecéndose así o teletraballo a nivel da administración local. Así mesmo, ofrecerase á cidadanía a posibilidade de informar e xestionar incidencias que serán atendidas polo persoal municipal, que tamén poderá consultar novos datos sobre as principais cuestións da xestión municipal, conforme a unha interacción máis directa coa administración.

Ao longo das últimas semanas, a Deputación traballou nunha análise pormenorizada para establecer os proxectos e actuación viables e xa está convocada para o día 27 unha reunión cos alcaldes e alcaldesas dos concellos de menos de 20.000 habitantes para presentarlles as propostas, así como para escoitar aquelas que eles e elas poidan ter, coa finalidade de elaborar unha proposta consensuada. A Deputación, ademais de elaborar e presentar os proxectos, tamén cooperará cos concellos que queiran adherirse ao plan na licitación dos concursos das diferentes actuacións que finalmente se soliciten e na xustificación dos investimentos realizados, un requisito obrigatorio para a concesión dos fondos.

Cinco liñas estratéxicas

A convocatoria do Ministerio de Política Territorial contempla cinco liñas estratéxicas e para todas elas a Deputación presenta diferentes propostas. A primeira delas, unha administración orientada á e ao cidadán, está dirixida a mellorar os servizos públicos dixitais que se prestan á cidadanía e ás empresas. Para iso, proponse a creación dun portal de transparencia dos concellos e dunha plataforma web e app de comunicación entre a cidadanía e os concellos que inclúe a posibilidade de informar e xestionar incidencias. A segunda liña, de operacións intelixentes, está enfocada á mellora da calidade, cantidade e eficiencia dos servizos e procesos de xestión e tramitación das Administracións públicas, proponse aquí un sistema de videoacta para plenos con ou sen megafonía.

En canto á terceira liña, goberno do dato, a intención é democratizar o acceso aos datos por parte da cidadanía e das e dos empregados públicos, coa proposta de crear dous visores de seguimento: un da Estratexia 2030 e outra da Axenda Urbana. Neste senso propóñense ferramentas que permitan analizar e avaliar a situación dos concellos en canto á implementación dos ODS e outros indicadores, como as Axendas Urbanas, en liña cos plans de acción local. Ademais, na liña das infraestruturas dixitais a idea é dotar ás Administracións locais de infraestruturas tecnolóxicas que actúen como panca para a súa modernización, ofrecéndolle aos concellos equipamento para os servizos de hosting e incrementar a capacidade do Centro de Procesamento de Datos (CPD) e postos de traballo intelixentes de mobilidade para as e os empregados públicos. Nesta liña dotarase aos empregados/as públicos dun mínimo de 500 postos de traballo intelixente, favorecéndose así o teletraballo nos municipios da provincia.

Por último, no que respecta á interoperabilidade de servizos de administración dixital, liña de obrigada execución, a provincia de Pontevedra parte dunha posición de vantaxe respecto da meirande parte das provincias posto que todos os concellos adheridos ao proxectos provincial da Administración Electrónica da Deputación dispoñen xa dalgunhas das actuacións que deben ser implementadas, como unha aplicación de rexistro de entrada e saída plenamente interoperable a través do sistema de interconexión de rexistros (SIR), a xestión de notificacións electrónicas e a de facturación electrónica. Para cumprir cos requisitos que marca a convocatoria, tan só é preciso realizar un proxecto de integración coa Carpeta Cidadá, o que suporá unha evolución do sistema actual de administración electrónica dos concellos e consolidará á DEPO na súa posición de vangarda na dixitalización administración local.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.