A Deputación presenta á veciñanza o proxecto para rematar o tramo pendente na estrada de Quireza

O deputado Gregorio Agís explicou que o alcalde de Cerdedo-Cotobade deu prioridade ás obras do núcleo da Chan (Carballedo) e ás da estrada de Almofrei aínda que a Deputación ten o proxecto de Quireza listo para saír a licitación

12/05/2022

Xuntanza Quireza  

O deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, explicou á veciñanza de Quireza que as obras para completar a mellora da estrada provincial EP-7102, no tramo Fondós-Bugarín, cun investimento superior aos 450.000 euros, comezarán en canto o Concello de Cerdedo-Cotobade poña os terreos a disposición da Deputación. O deputado celebrou unha xuntanza na Casa do Pobo de Quireza para presentar un proxecto que xa está redactado e listo para licitar.

Gregorio Agís entregou ao alcalde, Jorge Cubela, as fichas das 76 parcelas afectadas polas obras unha vez que dende o Concello aceptouse que a sección idónea para este tramo son 7 metros e non unha plataforma de 9 metros como se viña reclamando ata o de agora. Ao tratarse dunha vía cunha Intensidade Media de Tráfico de algo máis de 100 vehículos ao día e, atendendo ás características do trazado, considérase máis seguro e eficiente apostar por este deseño par ao tramo comprendido entre os PQ 1+950 e PQ 3+150.

Durante a xuntanza tamén se deu conta que a Deputación traballa sempre en coordinación cos concellos na planificación das obras. Neste caso concreto, o alcalde de Cerdedo-Cotobade deu prioridade aos convenios para executar a gran obra de urbanización no núcleo de A Chan, en Carballedo, o que supuxo un investimento duns 600.000 euros e, a continuación, expresou a súa vontade de afrontar a mellora da seguridade e tránsito peonil pola estrada de Almofrei, onde a Deputación investirá outros 957.890 euros no segundo convenio co Concello. Agora, unha vez que dende a Alcaldía se expresa a vontade de colaborar coa cesión de terreos para a ampliación deste tramo na estrada de Quireza, no territorio do antigo concello de Cerdedo, a Deputación só está pendente de recibilos para asumir esta obra, para a que non é necesario convenio ao tratarse de traballos de pavimentación.

Galerias de imagenes