A Deputación volve á feira World Travel Market de Londres para convidar ao público británico a facer de Rías Baixas “a súa meta, o seu destino”

Por segundo ano consecutivo o organismo provincial participará entre este martes e xoves cun mostrador propio nesta feira, considerada unha das principais citas profesionais da industria turística mundial

02/11/2026

A Deputación volve á feira World Travel Market de Londres para convidar ao público británico a facer de Rías Baixas “a súa meta, o seu destino”

A Deputación volve á feira World Travel Market de Londres entre este martes 3 de novembro e o xoves 5 para convidar ao público británico a facer de Rías Baixas “a súa meta, o seu destino”. A directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, será a encargada de divulgar a campaña promocional da provincia neste 2026 a través dun mostrador propio que situará por segundo ano consecutivo no recinto desta feira, unha das grandes citas profesionais da industria turística mundial.

A participación de Turismo Rías Baixas na World Travel Market permitirá potenciar a visibilidade da provincia de Pontevedra no mercado británico, segundo país emisor internacional para Galicia; xerar contactos profesionais con operadores turísticos, axencias de viaxes, compañías aéreas e medios especializados; e reforzar a imaxe de Rías Baixas como destino turístico sustentable, seguro e de calidade. Deste xeito, ademais da directora de Turismo Rías Baixas, asistirán á feira británica representantes de axencias de viaxes receptivas e turoperadores maioristas orientados ao mercado exterior, así como responsables comerciais de cadeas hoteleiras, establecementos rurais e centros de turismo termal e de saúde. Tamén haberá profesionais da xestión de destinos, do turismo náutico e da organización de eventos e congresos (MICE) cos que se desenvolverán reunións e actividades de networking.

Na última edición da World Travel Market participaron 46.000 persoas de 182 países e no seu recinto concentráronse máis de 4.000 expositores internacionais. Para a Deputación de Pontevedra o turismo internacional constitúe un dos principais motores de crecemento do sector turístico provincial. No 2025 foron preto de 627.000 os visitantes estranxeiros que chegaron á provincia, un 10% máis que no exercicio anterior. Deles, os visitantes do Reino Unido son os segundos que máis visitan o destino Rías Baixas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.