A Deputación remarca o éxito do novo programa de xuventude “Vive o rural”, que en menos dun día pecha a convocatoria ao esgotar os recursos

En total, foron 44 centros e ANPA de 21 concellos os que solicitaron as achegas da Deputación para este programa de visitas ás cinco granxas escola da provincia

16/04/2024

A Deputación de Pontevedra esgotou xa este luns os recursos das axudas dispoñibles no marco do novo programa “Vive o rural”, destinadas ao ámbito educativo da provincia. A institución provincial puxo á súa disposición un total de 30.000 euros, que se completaron arredor das 9:00 horas deste luns tras abrir o prazo de solicitude ese mesmo día, con 44 solicitudes rexistradas entre a madrugada e a mañá. A través desta iniciativa, impulsada polo novo Servizo de Xuventude, os centros escolares realizarán visitas de educación ambiental ás granxas escola da provincia para apoiar o seu labor educativo e fomentar entre as e os  rapaces a curiosidade natural e mais o respecto pola cultura e polo medio.

As 44 solicitudes recibidas pola Deputación durante as primeiras horas de apertura do prazo corresponden a centros (ou as ANPA destes) localizados en 21 concellos da provincia: Baiona, Bueu, Cambados, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Gondomar, A Guarda, Meis, Moaña, As Neves, O Rosal, Poio, Ponte Caldelas, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa e Vilanova de Arousa. Tan só estas primeiras 44 solicitudes  practicamente duplicaron o crédito dispoñible, que chegou aos 50.000 euros.

“Vive o rural” está dirixido aos centros públicos de educación infantil, primaria e secundaria dos concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes, así como ás súas asociacións de nais e pais (ANPA). Recibirán unha subvención máxima de 1.350 euros (25 por persoa) para que poidan organizar visitas de educación ambiental a algunha das cinco granxas escola situadas na provincia: Serantellos (Cambados), Fervenzaventura (Silleda), Kiriko (Fornelos de Montes), Corazón de Carballo (Tomiño) e Río Mouro (Poio). As visitas consistirán en realizar durante un día actividades de toma de contacto cos animais, labores da horta, obradoiros educativos ou xogos. As axudas da Deputación destinaranse ao custo das entradas e aos gastos de desprazamento.

O programa ten como finalidade ofrecerlles ás rapazas e rapaces a oportunidade de realizar actividades alternativas e de calidade para o lecer, coñecer lugares da súa contorna, achegarse á realidade do sector primario e adquirir coñecementos prácticos sobre a produción local, os cultivos presentes na contorna, a vida dos animais que habitan nela, o coidado do medio natural e a valorización do sector primario. A través disto, “Vive o rural” busca pór en valor o mantemento da biodiversidade da provincia de Pontevedra, da súa paisaxe e da súa tradición agraria como elemento de identidade da cultura do territorio.