O Rosal abre o sábado 15 de abril o novo espazo gastronómico do mercado municipal, financiado co Plan Concellos

O investimento, de preto de 400.000 euros, permitiu a construción dun novo volume anexo ao edificio principal que completa a transformación da praza de abastos

03/04/2023

MEMORIA ORAL 2022

O Mercado Municipal do Rosal vén de completar a súa transformación integral para converterse nun espazo vivo e con futuro, co obxectivo de dinamizar o concello económica e socialmente. O deputado de Cooperación, Santos Héctor visitou xunto á alcaldesa Ánxela Fernández o novo espazo gastronómico do edificio, que abrirá o vindeiro sábado, 15 de abril, e é froito da segunda fase das obras de remodelación da praza, financiadas con 400.000 euros dunha achega do Plan Concellos. Con estes recursos o goberno local puido ampliar o mercado a través do edificio anexo para albergar esta nova zona de restauración e degustación, amais de espazos para exposicións e reunións. A actuación únese tamén á recente remodelación da praza do Calvario, onde se sitúa o mercado, financiada co Plan ReacPon da Deputación.

O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, louvou o deseño do novo espazo do Mercado do Rosal e subliñou “a transformación integral que supón para o mercado tanto esta fase que permite contar cun espazo gastronómico como a anterior de rehabilitación, que teñen convertido este inmoble nun edificio moderno, adaptado ás distintas necesidades, accesible e sostible, que vai dinamizar de xeito especial o municipio do Rosal”. Destacou a aposta do Goberno local por transformar integramente esta contorna a través do Plan Concellos e tamén a recuperación da Praza do Calvario, na que se sitúa, ao abeiro do Plan ReacPon, “que teñen convertido este punto neurálxico nun espazo vivo e cheo de futuro”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que os traballos realizados neste edificio anexo “converterán ao mercado nun punto de encontro gastronómico e de lecer que vai dar valor engadido non soamente á renovada praza de abastos, senón tamén á transformada Praza do Calvario”. “Este novo lugar foi deseñado e nace coa idea de achegar máis dinamismo social, activando e reforzando a nosa economía ao tempo que poñemos en valor o produto fresco da nosa praza de abastos e de produtores e produtoras locais e vinculados ao territorio, seguindo a liña dos Mercados de Excelencia, con espazos adaptados aos novos hábitos das persoas consumidoras”, recalcou na visita ás súas instalacións.

Este novo bar gastronómico de case 200 metros cadrados protagoniza o novo espazo da ampliación do edificio do mercado, unha renovación que supón o colofón final do proxecto de mellora da praza de abastos, outorgándolle unha imaxe totalmente renovada e moderna, facéndoa máis confortable e atractiva para a veciñanza como lugar de compra, de encontro e de goce do produto local.  As novas instalacións anexas, conectadas de forma directa co Mercado, compleméntanse con espazos de lecer, exposición, reunión e formación no primeiro andar. Na zona posterior creouse unha nova terraza xardín na que a horta está presente achegando un carácter unificador.

A apertura deste espazo terá lugar o sábado, 15 de abril, cunha degustación gratuíta para que a veciñanza poida coñecer os produtos que  vai ofrecer. A xornada estará amenizada coa actuación de Tonichi & Pacheco, un espectáculo instrumental e cantado no que virtuosismo, calidade e diversión mesturaranse para maior pracer de todos os sentidos.

Plan ReacPon

Esta reforma integral do Mercado completa a transformación da praza do Calvario onde se sitúa, despois de que esta contorna tamén fora obxecto dunha remodelación financiada a través do Plan ReacPon. O orzamento ascendeu a 1,5 millóns, dos que a institución provincial aportou 517.938€, e serviu para mudar de xeito radical o aspecto desta praza, convertida xa nun espazo amable para as persoas e nunha contorna que ten posto en valor os seus elementos patrimoniais. Habilitáronse espazos coa plantación de árbores de gran porte que recordan ás sobreiras existentes principios do século XX e reordenouse o tráfico na contorna, restrinxindo o paso dos vehículos por este punto neurálxico do Rosal.