A Deputación colabora un ano máis coa celebración do Festivala de Vilagarcía, o evento que pon o foco nas mulleres galegas creadoras

A institución provincial achega 15.000 euros para o festival, que se celebrará os días 25 e 26 de agosto na Praza II República  

30/06/2023

A Deputación de Pontevedra colabora un ano máis coa Asociación O Soño de Lilith para a celebración da sétima edición do “Festivala: Mulleres Creando”, que se celebrará o vindeiro mes de agosto no concello de Vilagarcía. A institución provincial achega 15.000 euros para o desenvolvemento deste evento, que busca poñer o foco de atención na diversidade das mulleres galegas creadoras a través dos múltiples proxectos de emprendemento que están a desenvolver.

Neste senso, Festivala márcase como obxectivos facer uso da arte como modelo transformador e a posta en valor do labor das mulleres galegas na actividade cultural. O evento busca mostrar as mulleres na súa diversidade e coas súas fortalezas, afastadas dos roles tradicionais de xénero e o proxecto inclúe concertos, obradoiros e accións de formación e sensibilización para sentar as bases, coñecementos, as actitudes necesarias e a creación de ferramentas para adoptar comportamentos máis igualitarios e menos tolerantes con todo tipo de violencia contra as mulleres.

A asociación promotora xa avanzou que a edición deste 2023 se desenvolverá os días 24 e 25 na praza II República de Vilagarcía e entre as artistas participantes estarán Sés, a actriz Isabel Risco ou o dúo Azúcar Moreno. O colectivo quixo aproveitar a celebración do 100 aniversario do nacemento de Lola Flores para reivindicar ás mulleres que ao longo da historia foron protagonistas das súas vidas e con poderío falaron libremente dos seus corpos, sentimentos e da súa sexualidade, de xeito que a temática de FESTIVALA 2023 é o empoderamento erótico.