Areeiro lanza un aviso fitosanitario no que prevé un avance do mildio

A Estación comprobou o estado das viñas nas que tamén se produciu un avance significativo da fenoloxía das vides e se apreciou unha maior incidencia de black rot

20/05/2022

Apareceron os primeiros acios afectados  

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario que se centra no estado das viñas, nas que se produciu un avance significativo da fenoloxía das vides e nas que se prevé un avance do mildio. O aviso da EFA tamén fai referencia a outros patóxenos da viña como o black rot, do que esta semana se apreciou unha maior incidencia. Ademais, o texto refírese a outras cuestións como a necesidade de protexer o kiwi da bacteriose ou de aplicar tratamento nas maceiras para evitar danos por moteado.

Na viña detectouse un avance significativo na fenoloxía das vides e, aseguran dende Areeiro, en todos os predios hai plantas de albariño en floración. Ademais, tamén se observou un incremento notorio no desenvolvemento vexetativo. No que respecta ao mildio atopáronse manchas novas e tamén os primeiros acios afectados mais os síntomas non son alarmantes. Por outra banda, as previsións meteorolóxicas son favorables a esta enfermidade polo que dende a Estación aconsellan revisar as viñas e renovar os tratamentos se se detecta a aparición de síntomas recentes, salvo naquelas viñas que xa se teña feito. Dende Areeiro continúan a lembrar a importancia de facilitar a aireación nas viñas para poder conter as infeccións de mildio e naquelas nas que tivera caído sarabia estes días deberase renovar o tratamento antimilido con produtos que conteñan tamén unha materia activa con efecto fronte a botrite.

Nas revisións non se atoparon aínda os primeiros síntomas de oídio e dende a EFA aconsellan incrementar a súa vixilancia. Pola contar, apreciouse unha maior incidencia de black rot en case todas as comarcas e tamén se detectaron os primeiros síntomas de altica na viña de Areeiro.

O aviso fitosanitario fala tamén da maceira que na que apareceron os primeiros síntomas de moteado na variante Golden polo que dende a Estación subliñan que é preciso aplicar un tratamento para evitar danos. Do mesmo xeito, dende a EFA aseguran que é preciso manter as plantas de kiwi protexidas para controlar os danos que pode provocar abacterioses. No aviso a Estación tamén se refire á bolboreta do buxo, ante a que aconsella manter a vixilancia, e ao mildio na pataca, do que se deben manter as plantas protexidas mentres continúe a haber humidade.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 13 resultados.