Arranca a mostra itinerante “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” cunha homenaxe a Isabel Barreto, Mercedes Ruibal e Teresa Táboas

A mostra da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da USC inaugurarase este xoves, ás 18.30 horas, no exterior do Pazo provincial e ás 19.00, no Salón de Plenos, terá lugar a homenaxe a cargo de Mª Xosé Rodríguez, Rosario Sarmiento e Teresa Táboas

30/03/2022

Unha mirada en feminino

Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”, a mostra itinerante da Deputación de Pontevedra e da Cátedra Iberoamericana da USC para poñer en valor a historia de 13 mulleres da e na emigración, comezará este xoves, 31 de marzo, na cidade do Lérez o seu periplo pola provincia. A exposición será inaugurada ás 18.30 horas no exterior do Pazo provincial en Pontevedra e completarase, a continuación, cunha conferencia no Salón de Plenos da Deputación a cargo de Mª Xosé Rodríguez Galdo, Rosario Sarmiento e Teresa Táboas para render homenaxe a Isabel Barreto, Mercedes Ruibal e á propia Táboas.

A mostra, que se poderá visitar na explanada de Montero Ríos ata o 27 de abril, presenta a historia de trece mulleres da talla de Isabel Barreto, Mercedes Ruibal, Teresa Táboas, Elena Colmeiro, Virxinia Pereira, Nélida Piñón, Anisia Miranda, Lorena Lores, María Araújo, Josefa Emilia Sabor, Mariví Villaverde, María Vinyals e Isabel Gómez, para as que o tempo vivido en América e en Pontevedra constitúe o nexo de unión. A través de catro cubos dispostos no exterior do Pazo provincial da Deputación en Pontevedra poderase afondar na súa traxectoria vital, observar fotografías e coñecer o papel fundamental e imprescindible que xogaron todas elas na historia da emigración.

Tralo seu paso por Pontevedra, a mostra continuará por Silleda, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, O Grove, Vilagarcía, Soutomaior e Redondela onde se organizarán tamén conferencias para coñecer ás figuras femininas emigradas ou nadas na emigración que tiveron relación con cada localidade. Así, en Silleda renderase homenaxe a Elena Colmeiro e Virxinia Pereira a cargo de Rosario Sarmiento e Montse Fajardo; en Cerdedo-Cotobade a protagonista será Nélida Piñón sobre a que falará Carmen Villarino; en Vila de Cruces Pilar Sampedro renderá homenaxe a Anisia Miranda; no Grove a propia Lorena Lores detallará a súa traxectoria vital; en Vilagarcía María Xosé Porteiro e María Antonia Pérez afondarán na vida de María Araújo, Josefa Emilia Sabor e Mariví Villaverde; en Soutomaior Silvia Cernadas renderá homenaxe a María Vinyals e en Redondela, a última parada de “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”, Lara Graña detallará a vida e figura de Isabel Gómez.

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.