A Deputación organiza un encontro con Fina Casalderrey no CEIP Plurilingüe Javier Sensat de Vigo no marco da programación da biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s)
A biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s), que permanecerá no centro educativo vigués ata o 9 de decembro, está aberta aos centros educativos da provincia
19/11/2026
A Deputación acaba de organizar un encontro coa escritora Fina Casalderrey no CEIP Plurilingüe Javier Sensat de Vigo no marco da programación da biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s), instalada neste centro ata o 9 de decembro. No encontro, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer o proceso creativo da escritora e descubrir publicacións escritas e recomendadas por mulleres.
A biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s) trátase dunha das iniciativas posta en marcha na segunda edición deste programa que está aberta aos centros educativos de infantil, primaria e secundaria da provincia que así o soliciten. A Deputación de Pontevedra, coa itinerancia da biblioteca, facilitará aos centros educativos a listaxe de títulos, ordenada por xéneros e por idade do público lector. O seu fondo está integrado por exemplares que abranguen desde títulos das autoras que participaron na primeira edición ou que foron recomendados, como por publicacións para público infantil e xuvenil, exemplares de banda deseñada e novela gráfica, poesía, obra das novas voces literarias e exemplares para público lector adulto. Ademais, o organismo provincial posibilita que a chegada da biblioteca vaia acompañada cun encontro con escritoras e o alumando do centro educativo, como aconteceu en Vigo con Fina Casalderrey.
Mulleres de palabra(s) enmárcase no Ateneo pola Igualdade, unha iniciativa creada en 2024 pola Deputación de Pontevedra como recurso público especializado a disposición da cidadanía. O seu principal obxectivo é converterse nun referente na promoción da igualdade e na loita contras as violencias machistas a través da investigación, da formación e da divulgación artística, cultural e científica con perspectiva de xénero.
