A Deputación de Pontevedra envíalle ao Concello de Vigo o convenio que compromete preto de 13 millóns de euros de inversión provincial na bancada de Gol de Balaídos

O presidente, Luis López, informou hoxe que a institución provincial “está lista para asinar canto antes o convenio de colaboración e escenificar o entendemento a tres bandas entre a Deputación, o Goberno municipal e o Celta, atendendo ao sentir xeral da cidade”

22/04/2024

Luis López e Luisa Sánchez

A Deputación de Pontevedra trasladoulle ao Concello de Vigo o convenio que compromete preto de 13 millóns de euros de inversión provincial na bancada de Gol de Balaídos. Así o informou este luns o presidente, Luis López, quen indicou que a institución pontevedresa “está lista para asinar canto antes o convenio de colaboración e escenificar o entendemento a tres bandas entre a Deputación, o Goberno municipal e o Celta, atendendo ao sentir xeral da cidade e do celtismo”.

Nunha comparecencia na sede viguesa da Deputación, acompañado pola vicepresidenta, Luisa Sánchez, confiou en que o Concello “permita asinar canto antes este acordo para que a bancada de Gol sexa unha realidade canto antes”, pois, segundo dixo, “a reforma de Balaídos é unha historia demasiado longa que moi poucas veces transcorreu segundo o esperado”.

Neste sentido, López remontouse ao 2015, ano no que Rafael Louzán asinaba o primeiro convenio, modificado ata en dúas ocasións polo executivo de Carmela Silva, que chega a firmar un segundo convenio en 2021 prorrogado dous anos máis tarde (xuño de 2023) xa co bipartito en funcións. Polo medio, anotou o presidente provincial, “unha longa lista de sobrecustos, retrasos e defectos construtivos ante os cales Vigo e o celtismo foron espectadores, cando non vítimas colaterais”.

Agora tras analizar o persoal técnico da Deputación ao detalle o contido do proxecto, “non para poñerlle reparos gratuítos, senón co mellor afán de enriquecer e facer achegas a unha remodelación que xa dera imprevistos indesexados, e algúns por valor de moitos miles de euros”, indicou López, a Deputación volve cumprir coa palabra dada, financiando o 50 % do orzamento establecido para a bancada de Gol.

“Sempre dixen que Vigo tería o mesmo trato que co Goberno anterior e mantereino sempre e cando nos dean, como mínimo, as mesmas facilidades que tivo o executivo anterior para investir na cidade”, concluíu o presidente da Deputación.

Observacións das e dos técnicos provinciais

Máis ao detalle, a vicepresidenta, Luisa Sánchez, incidiu en que se lle trasladaron ao Concello observacións do persoal técnico provincial que na práctica non supoñen alteracións importantes, pero que “corrixen errores do pasado”. O obxectivo é poder adiantarse, segundo explicou a representante provincial, a problemáticas recoñecidas coma as inundacións ou mesmo as deficiencias de visibilidade que se deron coa bancada de Marcador.

En canto ao contido do convenio, apuntou que unicamente se matizaron aspectos relacionados coa súa execución, referidos á súa vixencia e financiación, cuestións menores fronte á garantía de que a Deputación asumirá o 50 % do importe do proxecto aprobado polo Concello vigués.

Un convenio que, dixo, “reflicte o noso compromiso permanente coa cidade de Vigo e os vigueses”. Explicou así que a única intención da institución provincial é ofrecerlles as máximas garantías “técnicas e orzamentarias” co obxectivo de que Balaídos siga sendo un estadio de primeira división os vindeiros 100 anos. Mostra disto, anotou Sánchez, son os 2,5 millóns de euros que se reservan nas contas provinciais de 2024 para a remodelación do estadio ou que, desde o minuto un, “puxeramos todos os recursos e medios técnicos ao noso alcance para axilizar esta obra e a sinatura deste convenio”.

Así, toda vez que o Concello conta co convenio que garante a financiación do 50 % do proxecto por parte da Deputación, para a vicepresidenta non hai razóns que xustifiquen máis atrasos para a súa sinatura. 

Galerias de imagenes