A Deputación une forzas con outras tres entidades nunha investigación para mellorar o cultivo de castañas na provincia

O ente provincial achegará 70.000 euros a un proxecto que probará a efectividade dun remedio elaborado con sementes de camelias da provincia para acabar cun patóxeno que podrece os froitos

03/11/2023

Deputación forzas entidades investigación mellorar cultivo castañas provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a aprobación dun convenio de colaboración da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, en colaboración con outras tres entidades galegas, para investigar a eficacia dun remedio elaborado a base de sementes de camelias da provincia para acabar cun patóxeno que está a provocar a podremia dos cultivos de castaña na provincia. “Gústame facer fincapé na importancia que este Goberno da Deputación lle dá á cooperación entre institucións e á colaboración público-privada para sacar adiante proxectos beneficiosos para a nosa economía e a nosa sociedade”, declarou o mandatario provincial para explicar o contido do convenio bautizado como Soutosan.

Trátase dun acordo de colaboración a catro anos, cun orzamento de 180.000 euros dos que a Deputación, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, será a que máis fondos achegue (70.000 euros) e no que participan tamén Fauna Útil, S. L., Fundación Universidade Galega e IXP Castaña de Galicia.

A iniciativa, que opta tamén a recibir fondos europeos polo seu carácter innovador no marco do Plan estratéxico da política agraria común, ten como obxectivo dar cun tratamento biolóxico en forma de extracto natural e sostible. “É un remedio natural, de proximidade, eficaz e respectuoso co medio para acabar cunha enfermidade que agora mesmo non ten cura”, remarcou Luis López.

Os investigadores agardan que o proxecto sirva para reducir a incidencia deste patóxeno, chamado Gnomoniopsis smithogilvyi, nun 60 % ou 70 % coa aplicación deste extracto de camelia e, ao mesmo tempo, elaborar un mapa de risco desta enfermidade.

videos

audios