A Deputación supervisa os traballos de poda en altura e limpeza acometidos en treitos de preto de 22 quilómetros de tres estradas provinciais que atravesan o Concello de Covelo
A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, xunto co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, supervisaron as actuacións desenvolvidas polo organismo provincial na EP-4305 Lougares-Piñeiro, EP-5002 A Cañiza-Mourentán e EP-5104 Maceira-Avión
24/03/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de supervisar os traballos de poda en altura e limpeza acometidos en treitos que ascenden a preto de 22 quilómetros de tres estradas provinciais que atravesan o Concello de Covelo. A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, xunto co alcalde de Covelo e tamén deputado provincial, Pablo Castillo, percorreron algún dos tramos nos que o organismo provincial desenvolveu os traballos nas estradas provinciais EP-4305 Lougares-Piñeiro, EP-5002 A Cañiza-Mourentán e EP-5104 Maceira-Avión.
Na estrada provincial entre Lougares e Piñeiro actuouse nos catro primeiros quilómetros da vía e na que une Maceira e Avión nos primeiros 6,5 quilómetros. Pola súa banda, na estrada que une A Cañiza e Mourentán os traballos desenvolvéronse entre os puntos quilométricos 0+650 e o 11+950. En todas elas leváronse a cabo traballos de tala e poda en altura contemplados, tal e como subliñou a deputada Belén Cachafeiro, no plan de conservación de estradas provinciais da Deputación.
“A realización destes traballos é fundamental para a vida útil das estradas provinciais pero tamén para a seguridade das persoas que a empregan, tanto peóns como condutores”, subliñou Belén Cachafeiro. Ao respecto, a deputada recordou que a limpeza de ramas e vexetación permite que entre a luz do sol na vía, facilitando o secado da plataforma, e evita a caída de ramas e follas na propia estrada, eliminando o risco de incidencias. Ademais, ao haber menos vexetación, minimízase a calzada sucia, o atasco de cunetas e outros problemas asociados á drenaxe pola menor caída de follas.
Os traballos acometidos no Concello de Covelo executáronse con maquinaria especializada na limpeza e desbroce, cun brazo extensible e unha máquina con cabezal de discos de serra que permite podar e talar ata os 12 metros de altura. Ademais, tamén se empregou un tractor forestal para a retirada das ramas podadas e un equipo de sinalización de obras para poder asegurar o tráfico alternativo e garantir a seguridade das persoas usuarias.
