A Deputación promociona o destino Rías Baixas na feira WTM2023 de Londres, un dos eventos de turismo de maior impacto mundial

A deputada de Turismo, Nava Castro, manterá diferentes reunións para difundir a provincia e pechar acordos comerciais

05/11/2023

A Deputación de Pontevedra promocionará entre este luns, 6 de novembro, e o mércores 8 o destino Rías Baixas na feira WTM2023 de Londres, un dos eventos de turismo de maior impacto no mundo. A deputada de Turismo, Nava Castro, desprazarase ata a cidade británica, onde manterá diferentes reunións para difundir a provincia e pechar acordos comerciais. Ademais, durante a feira divulgarase material promocional da provincia e sumará sinerxías con Turismo de Galicia.

“Queremos seguir dando pasos na nosa estratexia para compartir con todo o mundo que Pontevedra é gozar e por iso a nosa participación en Londres é decisiva, sobre todo tendo en conta as múltiples conexións aéreas directas entre a cidade británica e Galicia”, asegurou Nava Castro. Deste xeito, a deputada viaxará ata Londres con persoal técnico de Turismo Rías Baixas e está previsto que comece a súa intensa axenda de traballo na WTM a partir das 10 da mañá do luns 6 de novembro na caseta de Turespaña. Xa pola tarde asistirá á recepción organizada pola Embaixada de España a partir das 18:00 horas.

Ao longo dos tres días de feira a delegación pontevedresa ten previsto desenvolver diferentes actividades de divulgación e promoción turística, entre as que se atopan o peche de procesos de venda coa canle de distribución presente e a realización de contactos comerciais con clientas e clientes actuais e potenciais, nas que se explotará verticalmente a canle de distribución e venda cruzada. Tamén se presentarán as novidades e as estratexias do destino, e potenciarase a imaxe de marca para facilitar futuros acordos, desenvolver novos mercados e posicionar o destino Rías Baixas a nivel internacional. Finalmente a deputada tamén manterá numerosas reunións con operadores e autoridades, alcaldesas, alcaldes e representantes autonómicos e do Goberno de España en materia de turismo.


 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.