A Deputación mantén un encontro na Estrada coas asociacións do concello que participarán este ano no programa +Xuntas

A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, informou as asociacións das condicións do programa, que busca impulsar a formación das mulleres e que chega este ano a 21 colectivos da Estrada

11/06/2026

A Deputación mantén un encontro na Estrada coas asociacións do concello que participarán este ano no programa +Xuntas

A deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Paula Bouzós, acaba de manter no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) un encontro coas asociacións da localidade que se benefician este ano das accións formativas do programa +Xuntas. En total son 21 asociacións, federacións ou fundacións sen fin de lucro da Estrada as que se benefician este ano do programa, que cun orzamento de preto de 340.000 € (un 6% máis que o pasado ano) ten como obxectivo impulsar a formación das mulleres arredor de áreas centradas na tecnoloxía, a creatividade, a natureza e a saúde.

Paula Bouzós lembrou que +Xuntas busca mellorar a formación básica das mulleres e as súas condicións de vida, promover o apoderamento e a súa autonomía individual, e crear redes de apoio para impulsar a participación activa e a sororidade entre as participantes. Cada acción ten unha duración de 35 horas e inclúe un módulo de sensibilización na igualdade e de oportunidades, de carácter obrigatorio e imprescindible para recibir o diploma. Cada acción ten un máximo de 25 participantes, agás os obradoiros asociados á tecnoloxía, cun máximo de 20. O goberno da Deputación pon en marcha este programa dentro do seu compromiso coa igualdade, entendendo a formación como un instrumento fundamental na loita contra a violencia de xénero.

A deputada de Igualdade lembrou que cada entidade debe proporcionar o local para a realización do obradoiro, en condicións adecuadas, e ofrecer a formación ás súas usuarias (o 75% de asistentes como mínimo deben ser mulleres) a un prezo de sete euros. Ademais, as participantes están obrigadas a asistir ás sesións, cun máximo de 25% de faltas sempre que sexan xustificadas e en ningún caso ao módulo de sensibilización, e levando os materiais indicados no catálogo de cursos. A empresa encárgase, entre outras cousas, de proporcionar persoal docente experimentado e titulado, o material para o alumnado e o resto de equipo co que non conten os locais escollidos polas entidades.

No caso da Estrada, contarán con obradoiros de +Xuntas a Asociación para o Esparcimento e Desenrolo das Mulleres Rurais de Matalobos, Asociación de Mulleres Rurais A Xiada de Vinseiro, Asociación de Mulleres Rurais As Biugineiras de Nigoi, Asociación de Mulleres Rurais San Miguel de Cora, Asociación Rural de Amas de Casa de Arnois, Asociación de Mulleres Rurais Xuntaza de Arca, Asociación Mulleres Rurais A Torre da Barreira de Riobó, Asociación de Mulleres Rurais de Castro A Estrada, Asociación Cultural de Mulleres Rurais de San Xurxo de Vea, Asociación Mujeres Rurales Consumidoras y Culturales Andrés de Vea, Asociación de Mulleres Rurais Santa Clara de Ancorados, Asociación de Mulleres Rurais A Sobreira de Callobre, Asociación de Mulleres Rurais da Gándara, Asociación de Mulleres Rurais de Paradela, Asociación de Mulleres Rurais de Ribeira, Asociación de Mulleres Rurais Toedo Alborada, Asociación Mulleres Rurais A Fátima, Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei, Asociación Veciñal Terra de Guimarei, Asociación de Veciños San Esteban de Oca e a Asociación de veciños O Outeiro de Tabeirós.