A Deputación achega este sábado a Nigrán o espectáculo Titiricircus no marco de +Escénicas

A peza teatral da compañía Tanxarina Títeres representarase no exterior da biblioteca municipal da localidade ás 20:00 horas

01/09/2026

A Deputación de Pontevedra achega este sábado 5 de setembro a Nigrán o espectáculo Titiricircus de Tanxarina Títeres. A función forma parte da programación do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. O público poderá desfrutar do espectáculo no exterior da biblioteca municipal da localidade a partir das 20:00 horas.

Titiricircus trátase dunha lembranza fantástica e festiva do grande circo de carpa alta e bicolor a cargo de dous vellos traballadores que lembran con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista. O espectáculo, nun permanente xogo participativo co público, presenta os números máis importantes daquel vello circo desaparecido: desde o home máis forte ata o malabarista máis divertido nunha peza apta para todas as idades e con moito humor.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.