Esgotadas en menos dunha hora as prazas para a ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas” que se realizará por Pontevedra e Poio

Terá lugar o 11 de febreiro e permitirá coñecer as aves da contorna do río Lérez e do complexo intermareal Combarro-Lourido

29/01/2024

En menos dunha hora esgotáronse este luns as 25 prazas para a segunda das rutas ornitolóxicas deste ano do programa “Voando nas Rías Baixas”, que promove a Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO/BirdLife e que se desenvolverá o vindeiro 11 de febreiro cun percorrido polo esteiro do río Lérez e polo complexo intermareal Combarro-Lourido (Pontevedra e Poio).

Acompañados por dúas persoas de SEO/BirdLife de Pontevedra, expertas en ornitoloxía e con coñecementos contrastados, as e os participantes gozarán dunha ruta polo Lérez, que verte as súas augas sobre o mar ao fondo da ría de Pontevedra achegando ricos sedimentos ao intermareal Combarro-Lourido, onde as zonas de lodo e area atraen unha gran diversidade de aves. Nesta contorna destacan as limícolas, coma o pilro común, a píllara cincenta, a píllara real, o mazarico chiador, o virapedras, bilurico patirrubio, a gaivota ou o bilurico das rochas. Non faltan as aves mariñas (coma o mourelo, o carolo, o carrán cristado ou o corvo mariño grande) ou os ardeidos (a garza real ou a garzota); incluso se pode atopar algún cullereiro.

A terceira das rutas contempladas en 2024 no marco deste programa provincial terá lugar o 7 de abril polas ribeiras do río Umia (Ribadumia e Cambados), para a que se abrirá o período de inscrición o día 25 de marzo. Do mesmo xeito que na ruta por Pontevedra e Poio, tamén se ofertan 25 prazas e poderase anotar na actividade a persoa solicitante xunto con tres acompañantes máis. O percorrido inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar de avistalas sen molestalas, e, ademais, recibirán cadansúa guía de aves.

En total, son sete as rutas ornitolóxicas que terán lugar este ano ao abeiro de “Voando nas Rías Baixas”. Despois das ribeiras do río Umia, o programa continuará en maio pola serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), en xuño pola praia da Lanzada (O Grove), en setembro polas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro polo esteiro do río Miño (A Guarda).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.