A Deputación ultima o prazo para que entidades da provincia soliciten os 350.000 € das axudas para realizar actividades culturais en 2026
As achegas teñen un incremento de 50.000 euros con respecto ao 2025, que repartirán un máximo de 2.500 euros por entidade para impulsar actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia
02/04/2026
A Deputación de Pontevedra pecha o próximo xoves 9 de abril o prazo de solicitude das axudas para que as entidades sen fins de lucro da provincia poidan realizar actividades culturais durante o ano 2026. A convocatoria está dotada de 350.000 euros, o que supón un incremento de 50.000 euros respecto ao pasado ano, e as bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia.
As axudas a actividades culturais da Deputación divídense en dúas liñas, a primeira delas dotada de 290.000 euros (fronte aos 250.000 euros de 2025) cos que se poderán financiar actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia, certames e actividades de posta en valor da pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada, tamén festivais, mostras, encontros ou certames culturais, ou festivais/actividades relevantes de promoción da cultura e tradicións que se celebren fóra de Galicia. A segunda, dotada de 60.000 euros (fronte aos 50.000 € de 2025), está reservada á participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais, ou en intercambios culturais fóra de Galicia.
Cada entidade poderá recibir ata 2.500 euros, sempre e canto non se supere o 75% do orzamento total da actividade. A Deputación de Pontevedra promove e fomenta así a cultura galega nas súas múltiples e variadas expresións artísticas, subvencionando actividades culturais co fin de contribuír á promoción e protección do patrimonio, á dinamización cultural especialmente nas zonas menos poboadas, e á difusión das tradicións e as distintas manifestacións culturais da provincia e de Galicia. O ano pasado resultaron beneficiados máis de 200 colectivos.