A Deputación entregará este xoves os premios Ágora de fotografía sobre o espazo público

O departamento de Mobilidade está a organizar unha orixinal instalación dentro do Pazo Provincial na que se amosarán as imaxes galardoadas

25/04/2022

Invitación Foto Ágora

A Deputación de Pontevedra celebrará este xoves a entrega dos  Premios Ágora de Fotografía sobre o Espazo Público #FOTOÁGORA nun acto que pretende ser un dos máis significativos e relevantes da Rede Ágora como proxecto de defensa do espazo público para as persoas. O acto contará coa presenza das persoas premiadas , representantes dos concellos da provincia e outras institucións, persoal técnico titulado na Facultade Ágora, así como tamén persoeiros relacionados co mundo da mobilidade que apostan polo ‘modelo Ágora’ provincial.

A gala comezará ás 20 horas e desenvolverase no exterior  do Pazo Provincial, no paseo da zona das Palmeiras, onde se recreará un salón de estar para proxectar nunha pantalla de gran formato varios vídeos sobre o proceso de selección e unha creatividade coas imaxes gañadoras, así como para entregar os recoñecementos.

As persoas distinguidas segundo o ditame do xurado coñecerán nese momento cal é o galardón que lles corresponde, xa que ata o de agora –coa intención de manter a máxima expectación ata o último momento- só son sabedoras de ter sido seleccionadas. Unha vez remate o acto de entrega abrirase ao público a exposición coas imaxes nunha orixinal instalación creada para a ocasión  dentro do vestíbulo do Pazo Provincial que, no seu caso, fará unha xira pola provincia.

Os Premios Ágora de Fotografía sobre o Espazo Público #FOTOÁGORA organizáronse dende o departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación co fin de difundir o modelo Ágora de mobilidade e calidade urbana dunha forma visual amosando imaxes das actuacións postas en marcha na provincia que cumpren coa filosofía de que o espazo público é un dereito.  A convocatoria tivo unha grande acollida e presentáronse 297 fotografías por parte de 62 persoas, tanto profesionais da fotografía como afeccionadas.

O pasado mes de marzo o xurado, formado pola presidenta da Deputación –e o deputado Uxío Benítez como suplente-, a xornalista gráfica Mónica Patxot, o profesor da UVigo Jorge Lens, a xefa do servizo de Arquitectura Carmen Gómez, e o asesor en Mobilidade Jesús Fole, emitiu o seu fallo definitivo escollendo por unanimidade a totalidade dos 32 premios, dous principais, un premio por cada un dos principios Ágora, e  20 accésit, que se repartirán os 40.000 € consignados para os galardóns.

É intención da Deputación con esta iniciativa dar a coñecer e divulgar de maneira extensiva as imaxes que de maneira visual se corresponden con cada un dos Principios Ágora: O espazo público é un dereito das persoas; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable.