Serxio Balchada ‘Satxa’: “moita xente de Marín formou parte na Guerra Civil dos batallóns e da mariña auxiliar do exército de Euskadi”

A Deputación e a ARMHM presentaron hoxe en Marín o libro ‘Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937’ editado pola Editorial Provincial

20/04/2022

Moitos mozos galegos, pontevedreses, entre eles tamén da vila de Marín, xogaron a súa vida no exército vasco durante a Guerra Civil e compartiron ao lado dos gudaris con sorchicos (música tradicional vasca) a tristura do encerro en San Simón ou nas adegas do Upo Mendi. Sergio Balchada ‘Satxa’ fala deses homes e tamén do padecemento das mulleres que os amaban e loitaron con eles no libro ‘Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937’ que hoxe se presenta na Biblioteca Pública de Marín baixo a organización da Deputación e da Asociación de Recuperación da Memoria Histórica de Marín (ARMHM).

 A publicación, editada polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico provincial e o departamento de Memoria dirixidos pola deputada María Ortega, recolle a presenza de máis dun milleiro de milicianos galegos no ‘Euskadiko Gudarostea’. Narra como dende o primeiro momento a comunidade galega saíu á rúa para combater os sublevados e implicarse na defensa da legalidade da República integrando voluntariamente as centurias de milicianos que loitaron en Guipuzkoa e nos límites de Bizkaia con Araba en batallóns como o Bakunin ou o Celta.

Balchada fala no texto tamén da chamada ‘quinta provincia galega’, o barrio de Trintxerpe en Pasaia, onde os mariñeiros galegos fundaron o ‘Sindicato de industria pesqueira’ ou ‘El avance marino’ que dende maio do 36 ata o inicio da guerra mantiveron unha folga que sentou as bases para unha mellor calidade de vida e condicións laborais na zona.

Outro punto a destacar é o relativo ao pontevedrés José Echeverría Novoa, gobernador civil de Bizkaia, que no inicio tumbou a trama golpista en Bilbao e que puido chegar a ser o primeiro lehendakari, mais declinou a posibilidade por entender que debía ser unha persoa vasca e non doutro país quen estivese á fronte do primeiro goberno euskaldún.

O autor explicou na presentación que, unha vez pechado o libro, as investigacións levárono a localizar a moita xente de Marín que traballou en Euskadi e se levantou contra o réxime naquel entón. Amosou fotografías de marinenses nos batallóns Bakunin e Celta, e incluso nalgún outro batallón comunista, e subliñou que a súa condicións de mariñeiros os levou a tomar parte tamén da mariña auxiliar (nos dragaminas e buques de guerra, entre outros).

A deputada de Memoria María Ortega sinalou que tanto Serxio Balchada ‘Satxa’ como a ARMHM son exemplo do gran esforzo que leva facendo a sociedade civil desde hai décadas para suplir o desleixo da maioría das administracións públicas na recuperación e divulgación da memoria histórica. Destacou que “o menos que podemos facer desde a Deputación, a través do departamento de Memoria e o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, é posibilitar que o resultado poida chegar a todas as persoas interesadas”.

Segundo a nacionalista ‘Galegos no exército de Euskadi’ ten o mérito engadido de encadrarse á perfección na liña de traballo provincial en materia de memoria. Por un lado  dá a coñecer o papel fundamental que xogaron os pescadores galegos, moitos deles de Marín, que  forneceron as tripulacións da flota de Pasaia a principios do século pasado no auxe do sindicalismo obreiro.  

Por outro lado, o texto “suma evidencias á constatación do tramposo que foi o relato franquista cando nos quixo convencer de que o pobo galego foi submiso e mesmo compracente coa ditadura”, destaca a deputada. “Ponse de relevo a existencia dunha Galiza resistente que se opuxo ao golpe en Pasaia, en Trintxerpe, que defendeu Irún da columna fascista, ou que loitou na milicia da fronte de Giputxi”, finalizou.

Galerias de imagenes