A Deputación garante a concesión das axudas ás asociacións veciñais programa Provincia Comunitaria tras aumentar en 1,7 M€ o seu orzamento inicial

O obxectivo é que todos os colectivos que solicitaron as axudas e cumpran as bases poidan obter os recursos, tras recibir 900 solicitudes nos plans de Acción Comunitaria que equivalen a todas as axudas aprobadas nas dúas anualidades anteriores

10/08/2026

O goberno da Deputación de Pontevedra asegura que a concesión das axudas do programa Provincia Comunitaria está absolutamente garantida, tralo aumento de crédito polo que pasa a contar cun orzamento de máis de 3,1 millóns de euros, fronte aos máis de 1,4 millóns proxectados inicialmente. A institución provincial faise cargo do cumprimento dos compromisos adquiridos co movemento asociativo, de xeito que ningún colectivo se vexa afectado pola modificación das bases do programa, e rexeita a actitude obstrucionista e de confrontación da oposición, logo de que –segundo transcendeu nos medios— o grupo socialista instara o Consello de Contas a que avaliara esta modificación. De feito, o obxectivo deste incremento é precisamente que máis asociacións se poidan beneficiar dos recursos postos á súa disposición para contribuír no financiamento dos seus investimentos.

A Deputación de Pontevedra acordou na Xunta de Goberno do pasado 24 de xullo un aumento de máis de 1,7 millóns de euros para o programa Provincia Comunitaria, así como outro de máis de 2,2 millóns para o Plan +Aqua e 10.000 € a maiores para o Plan +Novaqua, un total de 4 millóns, atendendo o altísimo número de solicitudes que se recibiron este ano nos plans de Acción Comunitaria. As máis de 900 solicitudes rexistradas este ano (que están a ser analizadas con criterios técnicos para comprobar que se axusten ás bases) correspóndese co número de concesións que se aprobaron nas dúas anualidades anteriores. Este ano recibíronse un total de 404 solicitudes no +Aqua, 349 en Provincia Comunitaria e outras 100 para a regularización de traídas de auga. Á hora de anunciar este incremento, o presidente Luis López xa sinalou que o que se busca é que todas as asociacións que cumpran os requisitos poidan recibir as axudas.

Ata o momento xa se beneficiaron do Plan Provincia Comunitaria máis de 400 asociacións da provincia, preto de 440 comunidades de auga recibiron axudas do +Aqua e outras 70 fixérono no +Novaqua. Trala nova inxección de recursos a Deputación levará destinado a estes colectivos un investimento récord de 15 millóns de euros en tres anos, con preto de 7 millóns tanto para o Provincia Comunitaria como para o +Aqua, e máis de 700.000 euros para o +Novaqua. A recuperación do apoio ao tecido asociativo da provincia é unha das prioridades marcadas polo goberno provincial para este mandato, conseguindo converterse nun aliado do movemento asociativo e veciñal da provincia que, ano tras ano, segue superando todas as expectativas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.