A Deputación avanza que este mércores aprobará máis de 160.000 euros ao Concello de Tomiño para executar novas pistas de pádel e tenis na zona deportiva de Mosteiro

A directora de Deportes, Xisela Aranda, visitou as instalacións, onde se investirán todos os recursos que ten o concello á súa disposición no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

30/03/2026

A Deputación avanza que este mércores aprobará máis de 160.000 euros ao Concello de Tomiño para executar novas pistas de pádel e tenis na zona deportiva de Mosteiro

A directora de Deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda, anunciou este luns na zona deportiva de Mosteiro, en Tomiño, que a institución provincial aprobará este mércores na Xunta de Goberno unha achega de preto de 162.000 euros ao Concello de Tomiño para a execución de tres novas pistas de pádel e unha de tenis nestas instalacións deportivas. Trátase de todos os recursos que lle corresponden a Tomiño ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

A actuación consiste na conversión dunha pista de tenis existente en tres novas zonas de pádel, na conversión dunha pista de pádel existente nunha nova pista de tenis, e as dotacións necesarias para a iluminación tanto destas catro novas pistas como doutras dúas de tenis xa existentes. As tres pistas de pádel, descubertas, terán pechamento de vidro e pavimento de céspede sintético, iluminadas mediante 8 focos LED cada unha. A nova pista de tenis executarase mediante soleira de formigón poroso con acabados tipo tenis quick, e para conseguir a superficie nivelada formúlase un murete de formigón que conterá o terreo onde estará disposta. Ademais, instalarase a nova iluminación en todas as pistas con focos LED de baixo consumo. Prevese a instalación dun cadro con contador e a alimentación tomarase na conexión coa rede prevista no límite da parcela.

“Esta actuación é unha mostra de que a Deputación de Pontevedra ten o obxectivo de converter o territorio pontevedrés na provincia do deporte”, asegurou Xisela Aranda, que tamén lembrou que “desde a Deputación estamos a dar un forte impulso para modernizar as instalacións deportivas municipais a través dos tres Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas que levamos ata o momento, cunha mobilización de 20 millóns de euros en tres anos”.