A Deputación ilumina o seu Pazo Provincial de azul e amarelo con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down

A institución súmase á iniciativa promovida pola Federación Down Galicia, e ilumina a súa sede central entre as 19:30 horas do 20 de marzo e as 7:30 horas do día 22

18/03/2026

A Deputación ilumina o seu Pazo Provincial de azul e amarelo con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down

A Deputación de Pontevedra tinguirá de azul e amarelo o seu Pazo Provincial desde as 19:30 horas deste venres 20 ata o domingo 22 de marzo ás 7:30 horas ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra o 21 de marzo. A institución provincial súmase así ás reivindicacións de Down Galicia, que buscar dar visibilidade ás persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e facer oír as súas reivindicacións.

A proposta forma parte da campaña #NoSoyYoEresTú lanzada neste 2026 polas asociacións Down de España para visibilizar prexuízos e barreiras sociais que impiden a inclusión real das persoas con trisomía 21, reivindicar o respecto para elas e esixir que se garanta o seu dereito ao emprego digno, á educación de calidade e á súa plena participación na sociedade.

Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da Síndrome de Down. Estableceuse esta data como un símbolo, en referencia á triplicación do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.