A Deputación leva a galardoada campaña Rías Baixas: a túa meta, o teu destino á Feira Internacional do Turismo de Interior INTUR de Valladolid
Turismo Rías Baixas contará cun stand propio neste encontro internacional co obxectivo de reforzar o posicionamento de Rías Baixas como destino de interior
08/11/2026
A Deputación de Pontevedra leva a galardoada campaña Rías Baixas: a túa meta, o teu destino á Feira Internacional do Turismo de Interior INTUR, que terá lugar desde este xoves 12 e ata o domingo 15 de novembro en Valladolid. Turismo Rías Baixas participará cun stand propio neste encontro co obxectivo de divulgar a oferta turística de Rías Baixas vinculada coa cultura, a natureza, o patrimonio e a enogastronomía e avanzar na desestacionalización do turismo da provincia.
Para a institución provincial, a participación en INTUR é unha oportunidade única para amosar a posibles visitantes o potencial do interior da provincia. Esta feira engloba propostas de cultura, natureza e enogastronomía, e neste eido, o destino Rías Baixas amosará as múltiples facetas e posibilidades que ofertan os 61 concellos da provincia. Ademais, no stand, Turismo Rías Baixas contará cun programa de degustacións de viños e conservas das Rías Baixas a cargo do enólogo e gastrónomo Carlos Blanco, todos os días da feira ás 13:00 horas.
INTUR é o principal evento especializado en turismo de interior de España, que reunirá a destinos nacionais e internacionais, empresas do sector turístico, axencias, operadores e medios especializados. Deste xeito, a través da participación neste encontro, a Deputación tamén pretende xerar contactos profesionais cos que poder mellorar a comercialización turística do destino, así como divulgar a campaña Rías Baixas: a túa meta, o teu destino, que reafirma o compromiso da institución coa promoción dun modelo turístico innovador, sostible e de calidade, no que o deporte actúa como motor de desenvolvemento económico, social e territorial. Ata a data a campaña recibiu sete galardóns en festivais de audiovisuais turísticos de todo o mundo como o Japan World´s Tourism Film Festival, o New York Festival TV& Film Festival, o International Tourismo Film Festival Africa (Sudáfrica), o Terres Travel Festival de Tortosa (España), o Cannes Corporate Media & Tv Awards (Francia), o Zagreb Tourfil Festival (Croacia) e o Festival Internacional de Cinema de Turismo Art&Tur (Portugal).