Investimento histórico da Deputación co Plan Concellos nos viarios municipais das comarcas de Deza-Tabeirós

A institución provincial financiou con 16 millóns de euros a pavimentación e mellora da rede de camiños dos concellos para acometer o modelo de mobilidade e accesibilidade aos núcleos de poboación, especialmente no rural, para garantir os servizos e dereitos da cidadanía

06/12/2022

A Deputación leva investidos máis de 16 millóns de euros nestes case 8 anos de goberno ao través do Plan Concellos para que os gobernos locais das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes puideran pavimentar a súa rede de camiños e viarios municipais. E o maior investimento neste eido feito na historia da institución nesta comarca. Falamos dun esforzo extraordinario que foi posible grazas ao cambio de modelo de financiamento para os concellos da provincia, que supuxo un antes e un despois en canto á mobilidade e á accesibilidade aos núcleos de poboación, especialmente nos máis pequenos e nos de marcado carácter rural. Esta imaxe é moi significativa no caso da comarca de Deza e Tabeirós-Terra de Montes onde os concellos recibiron os cartos da Deputación para poder garantir dereitos e servizos, mellorar a calidade de vida da cidadanía, viva onde viva, e contribuír así a poñer freo ao despoboamento que está a afectar o rural.

Desde 2016, o Plan Concellos deixou as seguintes cantidades para a pavimentación e asfaltado de camiños nos concellos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes: destacan A Estrada con 4.870.723 €, Silleda con 3.148.016 € e Lalín con 2.642.549 €. Agolada recibiu 1.345.631 € para pavimentacións das súas vías municipais, 1.258.804 € investíronse en Forcarei, 1.149.441 € en Rodeiro, 1.075.752 € en Vila de Cruces e finalmente 297.396 € nos camiños de Dozón.

Así, a Deputación financiou actuacións na Estrada en lugares como Aguións, Castro ou Curantes, As Neves, e os camiños da Veiga á Carballeira, da Costa á Quenlla, da Costa á Granxa, da Carballeira á Reiga, da Granxa ao Carballal, de Moimenta á Grela, de Carballal á Igrexa, de Arnois a Oca ou da Silva aos Barreiros. No caso de Silleda, as actuacións repercutiron en camiños de Saídres, Ansemil, Taboada, Manduas-Ansemil-Breixa, Margaride, Dornelas ou Moalde, entre outros. En Lalín, o Plan Concellos permitiu financiar pavimentacións en Alperiz, Goias, Madriñán, Soutolongo, Sello, Moneixas ou a rolda norte-leste. No caso de Agolada, salientan obras como as realizadas en camiños como o do cemiterio á ponte de Ferreiroa ou camiños nas aldeas de Val, Agra, Basadroa e Ramil.

O investimento en Forcarei chegou aos lugares, parroquias e aldeas de Forcarei, Trasdomonte, Dúas Igrexas, A Madalena, Meavía, Millerada, Aciveiro, Pereira e as rúas Progreso e Regueira. En Rodeiro financiáronse pavimentacións en Corroliño, Saa, Outeiro, Suíme-Río, A Torre-Laxas, Rañestras, A Puza, Penerbosa, Asperelo, Camba, Carboentes, Guillar, Pedroso, Portela, Riobó e Negrelos, e rúas dos núcleos das parroquias de Salto, Vilela, Carboentes, Pescoso, Alceme e Asperelo. No caso de Vila de Cruces o financiamento chegou a Salgueiros, Cumeiro, Carbia, Losón, Toiriz, Sabrexo, San Tomé, Bodaño, Larazo, Piloño, Eirexe (Arnego), Fornelos, Amosa (Ollares), Cernadela, Soutomartín, Igrexa de Bascuas, A Brea, Abealla e O Pazo. Finalmente en Dozón, a Deputación financiou actuacións nos camiños de Saa á Parte, de Roiriz a Pena do Coto, Edreira, Santo Domingo de Moi, A Lagoa, Reboredo e Sanguiñedo.

Co Plan Concellos, os municipios coñecen de antemán os recursos dos que disporán en cada anualidade para poder facer fronte aos seus investimentos. En circunstancias extraordinarias, como foi no caso das anualidades 2018-2019 e 2022-2023, coñeceron os recursos da liña 1 de investimentos ata con dous anos vista, facilitando a súa planificación a longo prazo para poder acometer proxectos máis ambiciosos ou facer fronte a necesidades urxentes cunha maior previsión. Iso é posible grazas a que o Plan provincial, ademais de contar con criterios de reparto obxectivos, respecta a autonomía local e financia os proxectos que presentan os propios concellos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.