A Deputación dará a coñecer “o exemplo de compromiso e loita” de Florencio Delgado Gurriarán cunha programación das Letras Galegas 2022 para todas as idades

Os departamentos de Lingua e Memoria Histórica levarán a 35 concellos un espectáculo para crianzas e editarán unha banda deseñada para xente moza sobre a vida e obra do autor

04/05/2022

Letras Galegas 2022

A Deputación de Pontevedra vén de pechar a súa programación das Letras Galegas 2022 para homenaxear a figura de Florencio Delgado Gurriarán con actividades destinadas a todos os públicos. Dende a dirección dos departamentos de Lingua e Memoria Histórica a deputada María Ortega  considera que o autor “é un exemplo de compromiso co país e de loita mesmo nas peores circunstancias”, polo que a intención  é dar a coñecer e poñer en valor a súa figura entre todas as idades.

Segundo subliña a nacionalista, na planificación das actividades participan as áreas de Memoria e Lingua de maneira coordinada porque “achegarnos a Florencio é un modo de achegarnos a aquela xeración do pasado por vir que quería unha Galiza distinta máis próspera e máis libre. E tamén é achegarnos á literatura do exilio, destacando que na súa obra ademais de gabar o país, denunciou a barbarie do fascismo e nos deu a coñecer o que significaba ser exiliado”.

Para chegar con esta mensaxe a cada público utilizaranse distintas linguaxes: Haberá actos centrais en Vigo (público familiar) e Pontevedra (adulto) os días 11 e 12 de maio, tamén obras teatralizadas para crianzas que se levarán a 35 concellos da provincia, editouse unha banda deseñada sobre a figura destinada á xente moza, e tamén se distribuirán títulos propios do autor para dar a coñecer a súa obra entre os centros de ensino e as bibliotecas e puntos de lectura municipais da provincia.

O primeiro acto aberto ao público (Vigo, sede provincial da Deputación, martes 24 ás 19 horas) é o espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’, de Serafín Marcos, onde o autor noiés fai un percorrido pola vida do autor a través da súa poesía levando ás persoas asistentes dende o Valdeorras natal ata México co humor característico das súas montaxes. 

O evento parte dun verso tomado unha obra de Delgado Gurriarán e pretende descubrir a traxectoria que fai ao escritor ser merecedor do recoñecemento das Letras Galegas deste ano. Será unha “viaxe de volta ao seu Córgomo natal revivindo a travesía marítima de fuxida no Ipanema e gozando pausadamente da natureza valdeorresa, un relato dinámico e participativo no que os versos de Florencio cobran vida”, explica Serafín Marcos.

O segundo acto aberto ao público será ao día seguinte (xoves 12, ás 19 horas no Pazo Provincial de Pontevedra) baixo o título ‘O retorno de Florencio Delgado Gurriarán’. Será unha mesa redonda conducida por Silvana Moril na que intervirán o biógrafo de Florencio Delgado Gurriarán, Ricardo Gurriarán, cunha exposición baixo o título “Marchei sen calar, dándolle sebo as canelas”; o escritor e profesor de Lingua e Literatura Miro Villar coa intervención “O macrotexto poético de Florencio Delgado Gurriarán”; e a escritora, investigadora e tradutora Tamara Andrés, que falará “Do xardín alleo: Florencio Delgado Gurriarán desde o prisma da tradución”. Haberá intervención musical de Sheila Patricia, que interpretará pezas baseadas en poemas do homenaxeado.

Para asistir a ámbolos dous actos está aberta inscrición de público na páxina web da Deputación. As prazas outorgaranse por orde de solicitude ata completar capacidade.

Crianzas e xente moza

Un dos obxectivos principais dos departamentos de Lingua e de Memoria Histórica da Deputación é achegar os contidos e actividades á cativada e á xente moza. É por iso que sobre todo na programación das Letras Galegas hai as actividades para elas e eles son centrais.

Así, da man de ‘Polo Correo do Vento’ levarase a 35 concellos da provincia totalmente de balde unha actividade que, de xeito ameno e participativo, achegue a figura do homenaxeado como exemplo de amor á terra e mantemento da loita polos ideas. Nestes momentos está aberto o prazo de solicitude para os concellos, que poderán desenvolver o acto ata o mes de xullo.

Neses ‘obradoiros’ alternarase a narración da biografía do homenaxeado coa creación dunha ilustración  e a interpretación de distintas pezas musicais. Contarase ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realizará a súa propia caricatura de Florencio Delgado Gurriarán

Para xente moza (e non tan moza) a editorial do Servizo de Publicacións da Deputación vén de publicar unha obra de banda deseñada realizada por alumnado de ’O Garaxe Hermético’ e coordinada por Kiko da Silva. Será distribuída entre os centros de ensino da provincia e tamén en diversos actos, así como nos centros de lectura públicos.

Para rematar, a Deputación vén de facer a compra de diferentes títulos realizadas polo propio Florencio Delgado Gurriarán e realizará unha distribución entre as bibliotecas municipais e puntos de lectura de varias das obras, co fin de ampliar a dispoñibilidade da bibliografía a disposición de toda a cidadanía.

Enlaces de interés

audios