A Deputación inviste 115.000 euros para levar a enerxía aerotérmica a edificios municipais das Neves e de Catoira

A escola unitaria e a infantil de Dimo (Catoira), así como a casa do concello e o centro cultural das Neves, beneficiaranse dun aforro de emisións de dióxido de carbono superior ao 50 %

23/08/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación as obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais de Catoira e das Neves. O proxecto de instalacións de aerotermia sostibles enmárcase no Programa de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (Programa DUS 5000), dentro do Programa de rexeneración e reto demográfico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España. A actuación será financiada ao 85 % polo IDAE, ao 8 % pola Deputación de Pontevedra e ao 7 % polos concellos.

O obxectivo desta actuación, na que se investirán máis de 115.000 euros, é realizar as instalacións de aproveitamento da enerxía aerotérmica na escola unitaria e na escola infantil de Dimo (en Catoira), e na casa do concello e no centro cultural das Neves. Con isto, a Deputación busca favorecer o desenvolvemento de proxectos que reduzan as emisións de dióxido de carbono (CO2), implantar medidas de aforro e eficiencia enerxética, e favorecer o uso de fontes de enerxía renovables que contribúan ao desenvolvemento económico local. Ademais, tamén se reformarán as instalacións hidráulicas e eléctricas existentes.

No caso de Catoira, a instalación de aerotermia proxectada consiste nun sistema de caudal de refrixerante variable cunha unidade exterior, común para ambos os dous edificios, cunha potencia calorífica de 40 kW e frigorífica de 45 kW, e recuperador de calor de 1.200 m3/h para cada edificio. A instalación daralles servizo ás oitos unidades interiores de chan instaladas (seis nos dous andares da escola infantil e dúas na escola unitaria, de planta única). As reformas reducirán as emisións en case un 57 %, que pasarán de 42 a 18 kg de CO2 por metro cadrado ao ano. Con isto, ademais, a cualificación enerxética dos inmobles pasará de E a B. Os traballos superarán os 52.000 euros.

En canto ás Neves, a instalación consistirá en colocar unha unidade exterior común, tamén con sistema de caudal de refrixerante variable, cunha potencia calorífica de 63 kW e frigorífica de 56 kW. A nova instalación permitirá que as emisións se reduzan nun 55 % na casa do concello e nun 56 % no centro cultural, que pasará de 32,9 a 14,8 kg de CO2 por metro cadrado ao ano, no primeiro caso, e de 36,1 a 15,7, no segundo. A cualificación enerxética pasará de C a A. Neste caso, o investimento chegará aos 62.500 euros.

As empresas interesadas en concorrer á licitación da asistencia técnica de ambos os dous proxectos teñen de prazo ata o martes 29 de agosto ás 10 horas a través do portal de licitación electrónica da Deputación de Pontevedra.