A Deputación saca a licitación as obras da estrada Carballedo-Rebordelo, en Cerdedo-Cotobade, nas que se investirán preto de 800.000 euros
A Deputación saca a licitación as obras da estrada Carballedo-Rebordelo, en Cerdedo-Cotobade, nas que se investirán preto de 800.000 euros
02/04/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación as obras de mellora da drenaxe e da seguridade viaria da estrada Carballedo-Rebodelo (EP-0403), en Cerdedo-Cotobade. A data límite para presentar ofertas a esta actuación, na que está previsto que a institución provincial invista preto de 800.000 euros (asumindo a totalidade do seu orzamento), é o 17 de abril. As obras terán un prazo de execución de seis meses.
Actualmente o sistema de drenaxe e o firme da estrada presentan danos que supoñen riscos para a seguridade viaria, e os traballos permitirán corrixir esas deficiencias. A drenaxe mellorarase substituíndo as cunetas que se atopan en mal estado, e tamén executando novos tramos naquelas zonas onde non existen na actualidade. Para a condución das augas executaranse novos colectores soterrados con tubaxes de PVC con diámetro de 315 milímetros.
Unha vez executada a drenaxe, procederase á reposición dos firmes (con microaglomerado en frío en todo o ancho da calzada, e slurry en cor para crear tramos acaroados de beiravía para o tránsito peonil naquelas zonas onde non haxa ancho suficiente), así como á execución dun tramo de barreira de seguridade na marxe dereita para a contención dos vehículos. Finalmente, realizarase unha redistribución dos espazos mediante o pintado das liñas e, para separar a calzada da zona peonil, unha dobre liña continua con resaltos e captafaros cada 4 metros.