A Deputación investirá 410.000 euros para implantar a xeotermia na casa do concello da Cañiza e no centro sociocultural da Illa de Arousa

A institución provincial licita a asistencia técnica dos dous proxectos, que suporán a mellora da eficiencia enerxética nos sistemas de calefacción e climatización destes inmobles

22/08/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación o contrato para prestar a asistencia técnica da mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais da Cañiza e da Illa de Arousa. Este proxecto de instalacións xeotérmicas sostibles enmárcase no Programa de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (Programa DUS 5000), dentro do Programa de rexeneración e reto demográfico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España. A actuación será financiada ao 85 % polo IDAE, ao 8 % pola Deputación de Pontevedra e ao 7 % polos concellos.

O obxectivo desta actuación, na que se investirán máis de 410.000 euros, é realizar a instalación dos sistemas de xeración térmica renovable mediante xeotermia na casa do concello da Cañiza e no centro sociocultural da Illa de Arousa (dous dos edificios do complexo das Casas Modernistas, que acollen a biblioteca, a escola de música e o centro da terceira idade). Grazas a iso contarán con sistemas sostibles de calefacción durante o inverno e de climatización nos meses de máis calor.

O obxectivo é reducir o consumo de enerxía de orixe fósil e as emisións de dióxido de carbono utilizando enerxía procedente de fontes renovables, concretamente da enerxía xeotérmica. A institución provincial destina preto de 23.000 euros (10.000 € no caso da Illa de Arousa e 13.000 € no da Cañiza) á asistencia técnica, que inclúe a redacción dos proxectos e a futura supervisión e xustificación dos traballos.

No caso da casa do concello da Cañiza, as futuras actuacións consistirán na substitución da caldeira de gasóleo por sistemas de xeración de enerxía térmica mediante intercambio soterrado vertical e bomba de calor que intercambia a enerxía co terreo. Tamén se cambiarán os radiadores por ventiloconvectores modernos e se adecuará a sala de caldeiras tanto ás esixencias técnicas da nova instalación coma á normativa, ampliándoa ou modificándoa para este este fin. Estes traballos teñen un orzamento de 228.000 euros.

En canto ao centro sociocultural da Illa de Arousa, trátase dunha instalación nova (ao ser edificios rehabilitados recentemente aínda non contaban con ela) que utilizará o mesmo sistema de circuíto vertical de lazo cerrado, cunha bomba de calor que lles dará servizo aos dous edificios a través dunha rede de distribución soterrada de arredor de 75 metros (dos cales 50 metros xa están executados). Tamén se aproveitarán o chan radiante do andar baixo e os ventiloconvectores do andar alto, xa existentes. Neste caso, o investimento chegará aos 183.000 euros.

As empresas interesadas en concorrer á licitación da asistencia técnica de ambos os dous proxectos teñen de prazo ata o luns 28 de agosto ás 10 horas a través do portal de licitación electrónica da Deputación de Pontevedra.