Luis López destaca a importancia da formación para potenciar o talento e as oportunidades da mocidade na inauguración da duodécima edición de Edugal

O presidente da Deputación de Pontevedra participou este mércores no acto de apertura do Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia que terá lugar no Recinto Feiral de Pontevedra ata o 6 de outubro

04/10/2023

Edugal 2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia da formación para potenciar o talento e as oportunidades da mocidade da provincia no acto de inauguración da duodécima edición de Edugal. O Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia abriu este mércores as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra, e o mandatario provincial participou na cerimonia de apertura cun discurso no que puxo en valor a interesante oferta dos 62 expositores e enxalzou a preparación académica das novas xeracións, ás que animou a perseguir os seus soños para construír un futuro mellor para a provincia e para Galicia.

Antes de percorrer os corredores do recinto pontevedrés acompañado polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e representantes de Aempe, do Concello de Pontevedra e organizadores do congreso, o presidente da Deputación participou na simbólica escena de corte de cinta para dar por aberta unha nova edición de Edugal.

Tomou a palabra Luis López despois do presidente de Aempe, Jose María Corujo, para agradecer, en primeiro lugar, o labor deste colectivo e do Concello de Pontevedra para organizar “unha feira de educación, formación e emprego que xa é unha referencia consolidada e unha das máis importantes de Galicia”. Neste sentido, o mandatario provincial resaltou as “incontables opcións que temos no noso territorio para recibir unha formación de calidade e actualizada ás esixencias dunha sociedade e economía globais”.

Despois de poñer tamén en valor titulacións que teñen relación coa Deputación, com as das escolas de cantería e de enfermería, o presidente quixo dirixirse directamente aos protagonistas deste evento, as e os estudantes: “di unha das claves desta feira que Edugal é un salón que axuda o alumnado a decidir eficazmente o seu futuro formativo e profesional. Permitídeme un humilde matiz: só pode fallar un penalti quen se atreve a tiralo. Con isto quero dicir que non teñades medo a fallar, a equivocarvos ou ao fracaso”, aconsellou o dirixente e recordoulles que “sodes unha das xeracións mellor preparadas; eu anímovos a perseguir os vosos soños. Nós, como sociedade e administracións, encargarémonos de ofrecervos todas as ferramentas e recursos posibles para que o consigades”.

Rematou Luis López a súa intervención subliñando o compromiso da Deputación co apoio á formación, ao emprego e ao emprendemento da sociedade pontevedresa coa axuda a eventos coma o Pont-up Store, recentemente clausurado,ou as 46 bolsas concedidas a estudantes de Formación Profesional para facer prácticas laborais en países da Unión Europea.

“Estas accións que contribuirán a fomentar o voso talento, a facer realidade os vosos proxectos e a construír, en conxunto, unha provincia máis competitiva, máis xusta e con oportunidades para todas e todos”, concluíu o presidente Luis López.

 

 

 

Galerias de imagenes

videos