Luis López anuncia que as axudas aos clubs deportivos que compiten no ámbito estatal medran ata acadar un millón de euros

As axudas da Deputación están divididas en tres niveis de competicións, polos que se outorgará ata un máximo de entre 13.000 e 38.000 € a cada entidade sen superar o 40% do orzamento presentado

01/04/2026

Luis López anuncia que as axudas aos clubs deportivos que compiten no ámbito estatal medran ata acadar un millón de euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este mércores que a liña de axudas para os clubs deportivos que compitan no ámbito estatal incrementa o seu orzamento, e sitúa a súa convocatoria para o ano 2026 nun millón de euros. Trátase, tal como sinalou, “dunha suba de 100.000 euros respecto ao ano pasado”. As axudas convocadas pola institución provincial permitiron en 2025 beneficiar a un total de 76 clubs procedentes de 24 concellos da provincia de Pontevedra.

O presidente sinalou que as axudas están divididas en tres niveis de competición. O primeiro abarca modalidades nas que a categoría absoluta ou sénior teña formato de liga por equipos con 5 ou máis deportistas no espazo de competición, con xornadas de ida e volta, e ascensos e descensos. O segundo nivel inclúe modalidades nas que esa liga por equipos teña 4 ou menos deportistas no espazo de competición e ascensos e descensos de nivel. Por último, no terceiro sitúanse as modalidades nas que a categoría absoluta ou sénior teña clasificación final individual ou por equipos e estean incluídas nun calendario oficial da temporada da que resulte a clasificación final. As cantidades máximas que poderá recibir cada club oscilan entre os 13.000 e os 38.000 euros, sempre que non se supere o 40% do orzamento presentado.

Entre os gastos subvencionables atópanse os federativos, os de competicións e adestramento, os de persoal, os de material deportivo e os sanitarios. Quedan excluídos os de seguros, telefonía, ITV ou calquera que non teña relación coa actividade deportiva subvencionada. Os clubs deberán contar cun equipo inscrito nalgunha das competicións oficiais de ámbito estatal establecidas nas bases, ou participar con algún equipo ou deportista en categoría absoluta nas competicións oficiais dese ámbito. Terán un prazo de 20 días hábiles a partir da publicación das bases para solicitar os recursos.

A Deputación de Pontevedra activa esta liña de axudas para facilitar o acceso ao deporte e fomentar a participación en competicións organizadas polas federacións, tendo en conta ademais que se trata dunha actividade esencial para enriquecer e xerar benestar nas persoas e sociedades. Tal como sinalou o presidente Luis López, “o deporte é unha área que nos apaixona e seguimos aprobando recursos para apoiar os nosos deportistas como merecen”.

audios