Luis López entrega os premios aos gañadores da primeira edición do Trail Entre Castelos Rías Baixas, tras unha participación de case 800 corredores

O presidente da Deputación, acompañado pola directora de Turismo, Romina Fernández, salienta o éxito de participación e organización dunha actividade que busca promocionar os castelos e consolida ás Rías Baixas como un destino sustentable ligado ao deporte

19/04/2026

Luis López entrega os premios aos gañadores da primeira edición do Trail Entre Castelos Rías Baixas, tras unha participación de case 800 corredores

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, entrega no Castelo de Soutomaior os premios aos gañadores da primeira edición do Trail Entre Castelos Rías Baixas celebrado este domingo cun percorrido entre as fortificacións de titularidade provincial de Sobroso e Soutomaior. “Repartidos xa os premios, ó queda repartir parabéns aos gañadores das probas, aos que se animaron a participar, aos que respaldaron esta novidosa iniciativa e, por suposto, o servizo de Turismo Rías Baixas e Deportes da Deputación por impulsar unha proba como esta, que é un resumo perfecto da oferta do noso destino turístico, contacto coa natureza, promoción da actividade física e aposta polo rural”, declarou o presidente despois de entregar os galardóns, un acto no que tamén participou a directora de Turismo, Romina Fernández.

A primeira edición do Trail Entre Castelos Rías Baixas contou cunha participación de preto de 800 persoas e para o que se deseñou unha completa axenda de actividades, con andainas, propostas infantís e unha charla co triatleta Pablo Dapena. O Castelo de Soutomaior acollerá o sábado a xornada de recollida de dorsais, así como unha sesión de actividades infantís, o trail no que participan 75 nenas e nenos e a conferencia de Pablo Dapena. Pola súa banda, o domingo arrancará ás 10:00 horas o trail desde o Castelo de Sobroso, con 500 persoas inscritas, e arredor do Castelo de Soutomaior terá lugar unha andaina na que se darán cita outras 200 persoas.

A saída do trail produciuse arredor das 10 horas deste domingo no Castelo de Sobroso. Desde alí, os corredores completaron un percorrido de 26 quilómetros que conecta este recinto histórico co de Soutomaior a través de paraxes de gran valor paisaxístico e histórico como o castro de Troña, o río Tea ou a Serra do Galleiro. O primeiro corredor en chegar á meta foi Jose Alberto Bastos, para proclamarse gañador da primeira edición deste Trail Entre Castelos Rías Baixas.

O Trail “Entre Castelos Rías Baixas” é unha proposta única en España que conecta a través dunha carreira a pé as dúas fortificacións de titularidade provincial, o Castelo de Sobroso, en Mondariz, e o Castelo de Soutomaior. Unha proba deseñada para o desfrute en familia, que une deporte, patrimonio e promoción do territorio.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.