A Deputación esgota as 500 prazas do trail Entre Castelos Rías Baixas do 19 de abril

Estas 500 prazas esgotadas do trail de 25,7 quilómetros súmanse ás 200 da andaina de 8,7 quilómetros que se cubriron en menos de 24 horas

03/03/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de cubrir as 500 prazas ofertadas para realizar o trail Entre Castelos Rías Baixas, que terá lugar o vindeiro 19 de abril ás 10:00 horas. Trátase dun percorrido de 25,7 quilómetros con saída do Castelo de Sobroso e chegada ao Castelo de Soutomaior e a través de espazos naturais de alto valor ecolóxico e paisaxístico.

Estas 500 prazas súmanse ás outras 200 prazas ofertadas e tamén cubertas para desfrutar da andaina Entre Castelos Rías Baixas, que terá lugar tamén o 19 de abril pero ás 12:30 horas con saída do Castelo de Soutomaior. Neste caso, trátase dun percorrido de 8,7 quilómetros que atravesa sendeiros forestais e pistas rurais, combinando tramos de subida progresiva con contornas máis cómodas de terreo camiñable.

Ademais do trail e da andaina, coas 700 prazas cubertas, tamén está previsto a realización dun trail infantil que se celebrará o sábado 18 de abril ás 16:30 horas. Nesta carreira, cunha lonxitude de 0,9 quilómetros, a Deputación oferta 300 prazas para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos. A inscrición é gratuíta e pode realizarse en https://trailentrecastelosriasbaixas.com/

O trail “Entre Castelos Rías Baixas” é unha proposta única en España que conectará a través dunha carreira a pé de case 26 quilómetros as dúas fortificacións de titularidade provincial, o Castelo de Sobroso, en Mondariz, e o Castelo de Soutomaior. Unha proba deseñada para o desfrute en familia, que une deporte, patrimonio e promoción do territorio e ofertará unha fin de semana chea de actividades complementarias como obradoiros de animación infantil e food trucks.