Luis López destaca a cooperación coa Fundación Juan XXIII no xardín botánico do Lago de Castiñeiras como aposta pola inclusión, o emprego e o potencial do sector forestal

O presidente provincial, acompañado polas deputadas Paula Bouzós e María Ramallo, asina unha axuda de 55.000€ da Deputación para dotar de persoal a este novo espazo, que contou co asesoramento dos técnicos de Areeiro para o seu deseño e explotación

09/04/2026

Luis López destaca a cooperación coa Fundación Juan XXIII no xardín botánico do Lago de Castiñeiras como aposta pola inclusión, o emprego e o potencial do sector forestal

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o compromiso co benestar e a inclusión social, o fomento do emprego e impulso ao sector forestal a través da colaboración do organismo provincial coa Fundación Juan XXIII que vén de materializarse a través da aprobación dunha axuda de 55.000 euros para dotar de persoal ao xardín botánico que a entidade inaugurou este xoves no Lago de Castiñeiras de Marín, un proxecto que contou tamén co apoio da Deputación para a súa construción.

“Esta instalación é moito máis ca un xardín botánico. É a demostración de que a colaboración entre institucións dá froitos, de que o sector forestal ten moitísimo potencial, só precisamos apostar por el; e de que os usuarios da Fundación Juan XXIII están plenamente capacitados para integrarse no mercado laboral e liderar proxectos tan beneficiosos para a cidadanía como este xardín botánico”, declarou o mandatario provincial nun acto no que tamén participaron a deputada de Cooperación e alcaldesa de Marín, María Ramallo; e a responsable de Benestar Social, Paula Bouzós; así como o presidente do patronato da Fundación Juan XXIII, Antonio Jar.

A Fundación Juan XXIII é a creadora do Proxecto Natura XXIII, en colaboración con administracións como a Deputación e entidades como a Comunidade de Montes de San Xulián. Un proxecto que ten como obxectivo xerar emprego de calidade para persoas con discapacidade intelectual, así como promover o desenvolvemento local e a explotación sustentable do medio forestal. Na realización deste proxecto xogaron un papel fundamental os técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro á hora de definir as actividades e obxectivos desta instalación que conta cun viveiro para producir e comercializar árbores e plantas, así como dun xardín botánico con invernadoiro con finalidade tanto comercial como didáctica e divulgativa. “Se esta é unha provincia extraordinaria é grazas ao labor de persoas coma vós e entidades como a Fundación Juan XXIII, unha institución de case 60 anos de antigüidade, que conta con máis de 500 socios, case 250 usuarios e na que prestan servizo máis de 50 profesionais e que ofrece a mellor atención, potencia o talento e abre un amplo abano de posibilidades ás persoas con discapacidade”, remarcou López.

A colaboración da Deputación coa Fundación e a Asociación Juan XXIII non se limita unicamente a este proxecto de xardín botánico. No que vai de mandato, o goberno provincial puxo a disposición destes dous colectivos un total de 80.000 euros para facer cooperar en iniciativas relacionadas co inserción laboral de persoas con discapacidade e coa conciliación familiar. “A Deputación sempre será un aliado leal”, concluíu o presidente despois de recoñecer o labor de Juan XXIII e reafirmar o compromiso da Deputación coa entidade e co ámbito do Benestar Social do conxunto da provincia no que leva mobilizados máis de 24 millóns de euros ao longo deste mandato.

Galerias de imagenes