Luis López avanza que o Plan estratéxico do turismo das Rías Baixas afondará na necesaria dixitalización dun sector clave para a provincia

O presidente da Deputación abriu este xoves a xornada organizada polo Clúster de Turismo de Galicia no salón de plenos do pazo provincial titulada Rías Baixas: O Camiño dos Algoritmos, centrada na modernización tecnolóxica do destino

23/11/2023

Xornada organizada polo Clúster de Turismo de Galicia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este xoves a saída a licitación do novo Plan Estratéxico de Turismo para as Rías Baixas para o que a Deputación destinará 75.000 euros. Trátase dun proxecto destinado a planificar accións destinadas a atraer visitantes, mellorar a imaxe de Turismo Rías Baixas, promover a creación de estudos turísticos, a coordinación con outras administracións e o tecido turístico empresarial, así como o lanzamento de novos produtos. Un novo paso adiante na aposta da Deputación por un sector estratéxico como o turismo anunciado polo mandatario provincial na apertura da xornada organizada polo Clúster de Turismo de Galicia, titulada “Rías Baixas: O camiño dos algoritmos”, no salón de plenos do Pazo Provincial. “O turismo é un verdadeiro motor para a creación de emprego e o desenvolvemento económico da nosa provincia, un motor que cremos que aínda pode xirar a máis revolucións”, afirmou o presidente para informar da licitación deste plan.

O tema desta xornada, que reuniu en Pontevedra a numerosos representantes do sector turístico da provincia e de Galicia, ademais de expertos de ámbito nacional e internacional na adaptación tecnolóxica dos destinos turísticos; baseouse na implantación das novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial ou a robótica, nas accións de promoción do destino e atención aos turistas nas Rías Baixas e no conxunto de Galicia. Neste sentido, Luis López repasou as iniciativas que a Deputación de Pontevedra ten en marcha para modernizar e adaptar aos novos tempos a xestión do turismo. A través do programa Tourist Inside, que vai pola súa segunda versión, o Goberno provincial avanza na dixitalización da rede de oficinas e do destino Rías Baixas, ademais de trazar estratexias para favorecer o acceso ao destino e a comunicación co turista xa no seu lugar de orixe. “Creamos un modelo integral e transversal de xestión turística intelixente que situará a Turismo Rías Baixas na vangarda tecnolóxica do sector”, asegurou o mandatario provincial.

Unha aposta pola dixitalización que é compartida co Clúster de Turismo de Galicia. “Se tendemos pontes co Clúster e co sector empresarial estou convencido de que seguiremos batendo récords nos nosos aloxamentos e no Camiño, ofreceremos un produto moderno e adaptado aos novos tempos e, sobre todo, construiremos un destino que seguirá sendo referente pola súa calidade e a súa sustentabilidade”, declarou López.

Sostén o presidente da Deputación que o turismo na provincia de Pontevedra “aínda non tocou teito”. Unha tese reforzada coa recente nova relacionada con que Pontevedra é o principal destino de Galicia buscado por usuarios de Booking de todo o mundo á hora de planificar as súas vacacións en España. “A xente quere vir a Pontevedra, agora temos dúas opcións: festexar e agardar a que veñan ou planificar, traballar e aproveitar o traballo ben feito para consolidarnos como un destino turístico de excelencia. Eu aposto polo segundo”, alentou.

Finalmente, animou o presidente da Deputación a traballar en conxunto para converter a provincia en “líder na integración de tecnoloxías revolucionarias para o sector turístico”. Pola súa banda, a Deputación reforzou para o vindeiro ano os seus investimentos en Turismo ampliando a partida orzamentaria en máis dun millón de euros ata acadar os 5,6 millóns, incrementando nun 80 %, ata os 180.000 euros, os fondos para subvencionar actividades relacionadas co turismo; ou no reforzo do apoio a entidades turísticas como o Clúster de Turismo, nun 17 %, ata un total de 56.000 euros. “Un esforzo sen precedentes por parte do goberno da Deputación de Pontevedra para dicirlle a todo o mundo que Pontevedra é gozar”, concluíu Luis López.

Nava Castro: “Estamos preparados para os cambios”

A encargada de pechar esta xornada foi a deputada de Turismo, Nava Castro, quen felicitou o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, en representación de todo o sector, á Xunta de Galicia e a todos os participantes por esta “interesante xornada de debate e capacitación”. A responsable desta área no Goberno provincial sinalou tamén que “xornadas como estas son tan importantes porque nos permiten escoitar da boca de persoas expertas as últimas tendencias e as proxeccións a curto e medio prazo no relativo á tecnoloxía e ao turismo”.

Innovacións que veñen da man do big data, das novas maneiras de entender a mobilidade urbana, do espertar da intelixencia artificial ou da adopción da robótica, por iso, “para nós é fundamental apoiar iniciativas como esta, que nos permiten estar á vangarda e tamén adaptados e preparados para os cambios, porque o noso obxectivo é que esta provincia vaia a máis, e para conseguilo o turismo ten que ser un dos seus grandes puntais”, rematou a deputada Nava Castro para dar por pechada a xornada.

Galerias de imagenes