Luis López e Rafa Domínguez recollen o Premio da Cultura Galega 2025 á Bienal de Pontevedra, que confirma o acerto da súa recuperación e da súa consolidación no futuro
O presidente e o vicepresidente provinciais reciben o galardón outorgado na categoría de Artes Visuais na gala celebrada no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil
09/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, veñen de recoller este xoves o Premio da Cultura Galega 2025 concedido á Bienal de Arte de Pontevedra na categoría de Artes Visuais. “Os 125.000 espectadores que visitaron as exposicións da edición número 32 da Bienal, recoñecementos internacionais e, sobre todo, este galardón dos Premios da Cultura Galega confirman que recuperar a Bienal de Pontevedra foi un acerto e que debemos seguir apostando por ela”, agradeceu o mandatario provincial despois de recoller este distintivo durante a cerimonia de entrega de premios celebrada no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín.
Nas súas palabras de agradecemento, o presidente Luis López cualificou de “histórica” a celebración da bienal de máis ampla traxectoria do país. “Foi histórica porque a Bienal máis antiga de España estaba desaparecida, ata que a recuperamos despois de 15 anos ausente. Foi histórica porque nun contexto de guerras, trouxemos a Pontevedra aos artistas máis influentes para enviar unha mensaxe internacional de paz. E foi histórica porque por primeira organizamos unha bienal sen fronteiras, que estendeu as súas pólas por distintos concellos da provincia”, enumerou o dirixente despois de agradecer a todas as persoas, profesionais, artistas e entidades implicadas na organización do evento a súa contribución para acadar “un éxito colectivo”.
Pola súa parte, o vicepresidente Rafa Domínguez enxalzou “o traballo constante do equipo do Museo, o criterio dos comisarios e a aposta decidida da Deputación están facendo que a Bienal volva ser unha marca propia de Pontevedra, recoñecible e con personalidade”. Neste sentido, amosou a súa satisfacción por un “recoñecemento que demostra que cando se fan as cousas con rigor e pensando na cidade e na súa xente, Pontevedra pode situarse de novo como un referente cultural con voz propia, como ocorrerá na vindeira edición e na Bienal de Artes Vivas que estrearemos este verán”.
“Descentralizar a cultura, facela universal e achegala a todos as persoas, vivan onde vivan, é algo que temos moi presente na Deputación de Pontevedra e que quixemos aplicar tamén á Bienal”, reflexionou o presidente para agradecer á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a súa decisión de entregar os premios máis importantes da cultura galega nunha contorna rural.
A trixésimo segunda edición da Bienal de Pontevedra celebrouse do 21 de xuño ao 30 de setembro de 2025 despois dunha longa ausencia de 15 anos e pechouse cun grande éxito: 125.000 espectadores e o aval de 9 de cada 10 visitantes que aproban que volva celebrarse en 2027. Organizada pola Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra, as exposición estendéronse por toda a cidade, así como por outros concellos da provincia a través dun novidoso programa de artes vivas, que revivirá este verán coa celebración na provincia da primeira Bienal de Artes Vivas. A recuperación deste emblemático evento serviu para reflexionar sobre cuestión que reflexan o momento actual da arte e os desafíos da sociedade contemporánea baixo o título “Volver a ser humanos ante a dor dos demais”.
