O titular do Goberno provincial participou na entrega dos Premios Joven Empresario que organizou AJE Pontevedra este venres na Escola Naval Militar de Marín

Luis López subliña que o investimento récord da Deputación nos concellos impulsará a actividade emprendedora na provincia

24/11/2023

LUIS LÓPEZ premios Xoves Empresarios

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou que o investimento récord que engloban o orzamentos provinciais para os concellos no próximo ano impulsarán a actividade emprendedora na provincia; unha afirmación que realizou durante a gala de entrega dos Premios Joven Empresario, que o colectivo Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra organizou este venres na Escola Naval Militar de Marín. Ademais, aproveitou a intervención para remarcar o apoio do Goberno provincial ao emprendemento a través de accións directas coma a organización, a partir da próxima semana, de catro novas accións formativas encamiñadas a fomentar a dixitalización do tecido empresarial ou a cesión de seis novos espazos no Viveiro de Empresas de Barro a outros tantos proxectos empresariais de nova creación.

Este apoio ao sector produtivo da provincia reforza outros investimentos transversais que redundarán tamén no beneficio do tecido empresarial. “Aprobar o orzamento máis alto da historia, que inxectará actividade na nosa economía e mobilizará moitos emprendedores, autónomos e pemes; ter un plan “+Provincia” récord, que transformará en 2024 as nosas vilas e concellos grazas á axuda do tecido empresarial local, continuar co apoio a emprendedores da Deputación a través de SmartPeme, que xa atendeu máis de 2.200 empresas, é apoiar o emprendemento”, afirmou o mandatario provincial.

Luis López aproveitou a súa intervención para agradecer a acollida dunha institución coma a Escola Naval Militar, “unha institución tan arraigada na vida social de Marín e no conxunto da provincia e sempre disposta a tender pontes coa sociedade civil, o tecido económico e co resto de Administracións”, sinalou o dirixente. Neste sentido, o presidente destacou tamén o papel de AJE Pontevedra para “apoiar os novos emprendedores da nosa comarca, organizar actividades para mellorar a competitividade do noso tecido empresarial e darlle visibilidade ao traballo dos seus asociados”.

Finalmente, o dirixente do organismo supramunicipal tivo palabras de agarimo tamén para as emprendedoras e emprendedores da provincia. “Estamos aquí para darlles o valor que merecen ás persoas creativas a valentes que apostan por crear riqueza no seu pobo, erguen cada día un proxecto sen caer na conta de que, ao mesmo tempo, están a erguer o proxecto dunha provincia enteira e que dedican o seu tempo, o seu talento e o seu patrimonio ao servizo dunha idea”, destacou López, quen quixo tamén recordar un caso particular de emprendemento solidario na escola, no IES Illa de San Simón de Redondela, que recolle o carácter innovador da sociedade pontevedresa xa nas etapas formativas. “Saín daquelas aulas esperanzado cos futuros emprendedores que veñen por detrás, algún deles acabará sendo socio de AJE. E, igualmente, saio de aquí esperanzado e convencido de que, con vós, a provincia vaia a máis”, rematou o presidente da Deputación.