Luis López remarca o papel da Deputación no apoio ao emprendemento no Congreso das Persoas Traballadoras Autónomas celebrado en Sanxenxo

O presidente da Deputación de Pontevedra valorou a capacidade do tecido empresarial pontevedrés para dixitalizar e modernizar a economía, e facer que a provincia vaia a máis

16/12/2023

Luis López na terceira edición do Congreso das Persoas Traballadoras Autónomas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou a importancia da Deputación para favorecer o emprendemento na provincia durante a súa participación na décimo terceira edición do Congreso das Persoas Traballadoras Autónomas que a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia) organizou este sábado no Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo. Acompañado polo vicepresidente segundo e responsable da Área de Promoción Económica, Rafa Domínguez, o dirixente provincial recordou o compromiso do Goberno provincial para tender pontes de apoio a colectivos empresariais coma a APE Galicia, para apostar pola innovación e emprendemento a través dos viveiros de empresas de Barro ou Lalín, ou para dinamizar a economía a través de programas coma “SmartPeme”.

“A razón que nos trae aquí é recoñecer o labor das persoas autónomas, mulleres e homes que un día decidiron arriscar o seu tempo e patrimonio para xerar riqueza, traballadoras e traballadores que levantan cada día, co seu esforzo, esta terra, e persoas que comparten coa Deputación de Pontevedra o compromiso para construír unha provincia con futuro”, afirmou o presidente.

Despois de recoñecer o mérito que teñen todas as persoas autónomas da provincia, o presidente provincial repasou os programas que a Deputación ten en marcha para apoiar a actividade empresarial, coma “SmartPeme”, “Da túa man” (rural I e II) e “DepoEmprende”, ou os plans de apoio que se prestan nos viveiros Barro ou Lalín, nos que se instalaron recentemente novos proxectos. Neste sentido, recordou tamén Luis López que a Deputación aprobou o Orzamento máis alto da súa historia, 189,2 millóns de euros, que repercutirá na dinamización da economía da provincia. Así mesmo, está en marcha  Plan Máis Provincia, un plan de obras e servizos de récord, dotado con 48,2 millóns de euros para impulsar proxectos nos concellos da provincia.

Finalmente, o presidente provincial pechou a súa intervención cun bo propósito para o novo ano: “anímovos a seguir erguéndovos cada día coa mesma ilusión coa que comezastes este camiño, convídovos a non desfalecer e seguir dedicando o voso esforzo e o voso tempo a innovar e apostar polo voso negocio, e agardo que levedes sempre no voso corazón ese amor pola nosa terra para seguir facendo que a nosa provincia vaia a máis”, concluíu o mandatario provincial, convencido de que “acadaredes ese éxito, que é voso, pero tamén de todas e todos os que lle damos forma a esta provincia de Pontevedra”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.